MEDIO AMBIENTE E SANIDADE

A campaña "Convivencia Guauuuu!" promoverá as boas prácticas entre os donos de animais de compañía

24/02/2011 Presentouse en Raxoi a campaña que o Concello de Santiago desenvolverá para fomentar unha Convivencia guauuuu!. "Esta campaña estará activa a partir de principios de marzo pretende fomentar as boas prácticas en relación co espazo público e os animais", segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, que presentou os materiais e a imaxe da campaña xunto co concelleiro de Sanidade, Andrés Fariña, quen lembrou que "ao final, do que se trata e de lembrar o obrigado cumprimento dunha ordenanza que está aprobada dende 2003".

"Dende hai tempo vimos detectando prácticas, na posesión de animais que xeran molestias, problemas ou preocupación na cidadanía", explicou Cienfuegos, como a presenza de animais soltos nos parques ou a omisión da obriga de recollida dos seus excrementos nos espazos públicos. E por todo isto que, dende hai algún tempo, "as concellerías de Sanidade e Medio Ambiente veñen traballando nesta campaña a desenvolver coa entrada do bo tempo e da primavera", cando a xente empeza a utilizar máis os parques. "Consideramos, por tanto, que esta é unha etapa propicia para recordar as obrigas, algunhas claramente de sentido común, de sentido común solidario" incidiu a edil de Medio Ambiente.

Pola súa parte o concelleiro de Sanidade fixo fincapé na necesidade de concienciarse, diante da problemática dos animais abandonados. "Dende o Refuxio de Bando ofrecemos un servizo público que moitas veces está desbordado diante das necesidades" e como exemplo puxo o pasado ano 2010, no que se recolleron 1.324 animais, "que é moito máis da nosa capacidade". Fariña tamén insistiu na necesidade do chip identificador que teñen que levar os cans, "porque moitos animais simplemente están perdidos, e non abandonados, e o feito de non estar debidamente identificados dificulta poder ser encontrados polos seus donos".

Trípticos, muppies e dispensadores
A campaña Convivencia Guauuuu! componse de trípticos divulgativos, de carteis específicos, de dispensadores de bolsas con contedor para a recollida de excrementos e sinalización para os espazos onde se permite cans soltos. A sinalización colocarase en determinadas zonas dos parques (Constitución, Paxonal, Fontiñas, Belvís...), espazos non exclusivos para cans, pero si preferentes, se ben tamén neles os cans estarán igualmente baixo o control e a responsabilidade do seu dono ou dona.

O tríptico informativo e os cartéis conteñen información diversa de concienciación e información sobre os hábitos desexables e a normativa vixente. Fundamentalmente inciden en tres aspectos básicos para unha Convivencia Guauuuu! como son: a identificación do animal, o uso da correa ou a recollida de excrementos. Para facilitar isto último instalaranse ademais 18 dispensadores de bolsas en diferentes parques da cidade

Compartir: