ALCALDÍA E TURISMO

O Concello ultima con Easyjet os termos dunha conexión entre Santiago e Roma

24/02/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias, compareceron en rolda de prensa para dar conta das negociacións mantidas por ambos con directivos da compañía aérea Easyjet. Do encontro saíu o compromiso dunha conexión entre Lavacolla e o aeroporto de Fuimicino (Roma), operativa dende o outono ou dende a primavera de 2012.

O momento en que esta conexión comece a operar é un dos termos que queda por definir, xa que, segundo explicou Sánchez Bugallo, "Easyjet é unha compañía que negocia a un ano vista, pero aceptaron estudar a nosa solicitude de que comecen en outono, se ben isto vai depender de que teñan avións liberados das súas conexións norte de África". Á vista deste condicionante, o alcalde apuntou que, de operar dende outono, se asinaría o convenio en breve, mentres que no suposto da primavera de 2012 se lle formularía á compañía aérea a posibilidade de firmar en xuño, pasadas as eleccións municipais.

Sobre os termos do acordo, indicou que se trataría de tres frecuencias semanais entre Lavacolla e o aeroporto principal de Roma, Fiumicino. O Concello achegaría 250.000 euros por cada un dos tres anos polos que se asinaría o acordo. Non obstante, recalcou que este compromiso económico municipal só está garantido se a compañía logra unha ocupación mínima do 80% dos seus avións.

O cumprimento desta porcentaxe permitiría transportar anualmente uns 39.000 viaxeiros, xa que Easyjet utilizará para esta conexión avións de 156 pasaxeiros. Comparando coas subvencións achegadas por outras administracións e a outras conexións, recalcou que "o custo máximo por viaxeiro sería de 6,4 euros".

Destino estratéxico e vocación de estabilidade
Recordou o concelleiro de Turismo que, tras perder a conexión con Roma, recuperar esta conexión estratéxica sempre foi unha prioridade municipal. Por iso se apostou pola capital italiana entre a oferta de destinos que Easyjet ofreceu na negociación, como Amsterdam, Berlín, Londres ou París. Sobre estas dúas últimas, Sánchez Bugallo indicou que, á vista dos voos xa existentes, "non pretendemos duplicidades".

Agardando que se peche o acordo, o alcalde destacou a aposta municipal pola estabilidade e pola consolidación de destinos. Ao mesmo tempo, o concelleiro de Turismo fixo fincapé na vontade de Easyjet por voar a Lavacolla. Así, coa conexión prevista a Xenebra e con esta a Roma, agardan que esta relación se consolide no futuro e se poidan estudar novas hipóteses.

Ryanair e Air Berlín
Este acordo con Easyjet non implica en ningún caso que o Concello renuncie a pechar o voo a Bruxelas con Ryanair, segundo apuntou o rexedor municipal. Seguirase a negociar este destino e lembrou a posición estratéxica que a compañía irlandesa –que cualificou como "socio estratéxico"- ten en Lavacolla, onde "supón o 46% do seu tráfico".

Outra liña aberta de negociación é a establecida con Air Berlín. Recordando que a estratexia desta compañía é totalmente distinta á seguida por Easyjet ou Ryanair, o alcalde anunciou unha próxima viaxe do concelleiro de Turismo e probablemente del mesmo, acompañados dos axentes sociais da cidade, a Palma de Mallorca. Así o solicitou a aerolínea, co fin de estudar posibles colaboracións.

Todas estas cuestións serán analizadas na comisión de seguimento do aeroporto, que será convocada para a semana vindeira.

Aposta polo teleférico
Preguntado polo proxecto dunha conexión coa Cidade da Cultura a través dunha plataforma peonil, Sánchez Bugallo dixo coñecer a proposta e agradeceu "a súa preocupación e sensibilidade" aos autores, que serán recibidos en Raxoi. Pero afirma seguir apostando polo teleférico por tres razóns: o seu menor impacto visual, a súa maior capacidade para mover viaxeiros (ata 2.000/hora) e a posibilidade que ofrece para autofinanciarse.

Compartir: