CIRCULACIÓN VIARIA

O 2010 pechouse con 55 accidentes de tráfico menos que no ano anterior e ningún falecido

23/02/2011 A concelleira de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, e o xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, fixeron balance de 2010 en materia de accidentes de tráfico. Por segundo ano, tras o acontecido en 2007, o ano pechouse con ningún falecido nas vías municipais.

Álvarez-Santullano cualificou como "moi positivos" os datos, que "non son froito da casualidade, senón dun longo traballo". A este respecto, o responsable da Policía Local referiuse ás medidas que nesta materia se adoptaron nos últimos anos en materias educativa, lexislativa, coercitivas e sensibilizadoras. En particular, destacou a importancia da posta en marcha do carné por puntos e das modificacións do código penal, con penas máis duras para determinadas infraccións.

Xa pasando ás cifras, Villaverde cualificou como "un éxito da sociedade" que non se producira ningún falecido en 2010 nas vías compostelás, tal como sucedera tamén en 2007. En calquera caso, recordou que nos últimos anos se produciron cinco falecidos: dos en 2006, dous en 2008 e un en 2009. Estas cifras púxoas en contraste coas que se daban hai uns 20 anos: "Entón había menos de 60.000 vehículos e tiñamos anos de entre 6 e 10 falecidos; hoxe superamos os 100.000 vehículos e a sinistralidade é moito menor".

780 accidentes
En 2010 producíronse 780 accidentes, 55 menos que en 2009. Destes, 21 tiveron feridos graves, fronte aos 25 do ano precedente. Outros 189 sinistros xeraron feridos leves, fronte aos 233 de 2009. Norberto Villaverde destacou que esta menor accidentalidade se produza precisamente nun Ano Xacobeo, cunha maior intensidade de tráfico que adoita ir ligada a unha diminución da seguridade. Tamén salientou o feito de que ningún menor se vira implicado nestes sinistros.

Sobre as causas dos accidentes, apuntou que maioritariamente seguen sendo "fallos persoais", fronte a un 2-3% imputables á vía e un 1-2% atribuíbles ao propio vehículo. Os tipos de sinistros máis habituais seguen sendo as saídas de vía e as colisións fronto-laterais. Son estas últimas as que adoitan ocasionar máis datos materiais e tamén feridos. Tamén soen carrexar máis danos persoais os atropelos, se ben non son moi frecuentes nas vías da cidade.

Aptitude psicofísica e seguridade
Lembrou o xefe da Policía Local a importancia que segue a ter a condición psicofísica e, en particular, a reacción rápida, para evitar sinistros. Neste sentido, referiuse ás catro variables que debe afrontar un condutor: ver, comprender, reaccionar e accionar.

Preguntado pola incidencia da medida de limitar a 30 km/h a velocidade nas vías urbanas, indicou que "a menor velocidade normalmente vai acompañada de máis seguridade", recalcando que a orde de prioridades segue sendo "seguridade, fluidez, comodidade e economía". Neste punto destacou a importancia que unha velocidade baixa pode ter para a redución dos atropelos e das súas consecuencias.

Santiago de Compostela reflicte nos últimos anos unha redución da sinistralidade viaria que vai en consonancia coa diminución que se está a producir a nivel do Estado. Así, recordou a cifra de 1.800 falecidos en España de 2010 fronte a anos nos que se producían máis de 6.000. Con todo, no mundo seguen falecendo 1.000 persoas diarias a causa dos accidentes de tráfico.

Compartir: