XUNTA DE GOBERNO

Ábrense os prazos de solicitude de renovación e novos ingresos nas escolas municipais de Conxo e Fontiñas

22/02/2011 A Xunta de Goberno aprobou os prazos de solicitude de renovación e novas admisións nas escolas infantís de Conxo e Fontiñas, as dúas de xestión municipal. Ademais, na mesma sesión adxudicáronse definitivamente as obras dos campos de fútbol de Belvís e San Lázaro.

O prazo de presentación de solicitudes de renovación e traslado para as escolas infantís de Conxo e Fontiñas abrirase o 1 de marzo e concluíra o 10 do mesmo mes. Revisadas as reservas de praza e expostas publicamente o 14 de marzo, un día despois abrirase o prazo de solicitude de novos ingresos, do 15 de marzo ao 15 de abril.

As solicitudes deberán presentarse coa correspondente documentación no Rexistro Xeral do Concello ou nos rexistros auxiliares. Unha vez que se coñeza a relación definitiva de admitidos e lista de espera, abrirase o prazo de matrícula, fixado entre o 1 e o 15 de xuño.

Deportes
En materia de Deportes, adxudicáronse definitivamente as obras de construción dos campos de fútbol de Belvís e San Lázaro. O custo das mesmas será de 276.930 e 118.836 euros, respectivamente.

Respecto a outra infraestrutura deportiva, as pistas de tenis e pádel en Sar, incluídas no FEESL 2010, solicitouse á Dirección Xeral de Cooperación Local a prórroga do contrato de obras ata o 18 de marzo.

Reforma Administrativa
Outro dos asuntos da Xunta de Goberno foi a aprobación da adhesión do Concello de Santiago a convenio para o desenvolvemento da administración electrónica nas entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia. Este convenio vén a substituír ao chamado Portelo Único. O convenio terá vixencia ata decembro de 2013.

Centros Socioculturais
A proposta da concelleira de Centros Socioculturais, adxudicouse provisionalmente a redacción do proxecto básico do Centro Cívico do Romaño-Vista Alegre, por un importe de 73.160 euros. Ademais, deuse o visto bo ao Programa Escena para a rede sociocultural correspondente ao exercicio 2011, por 47.500 euros. Neste programa inclúense iniciativas como Revelando Voces, Corais do Nadal, Asómate Primavera-Outono ou o Rock Xurásico, entre outras.

Sanidade
No ámbito de Sanidade, adxudicouse por 43.232 euros o servizo de lacería de animais abandonados no termo municipal de Santiago.

Compartir: