XUVENTUDE

Un estudo de Xuventude constata a primeira xeración tecnolóxica de Compostela e a escasa presenza do fenómeno "Ni-ni"

22/02/2011 O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, presentou o EstudoXoven 2011, unha radiografía da mocidade de Compostela extraída de 1.500 entrevistas. O informe reflicte a escasa presenza na cidade da considerada xeración Ni-ni, ou sexa, a de aqueles mozos que nin traballan nin estudan. Por contra, si se constata unha xeración moi en contacto coas novas tecnoloxías.

"O estudo constitúe o punto de partida na análise da realidade social dos mozos composteláns, que vai favorecer a posta en marcha do Plan Integral de Xuventude de Santiago, un instrumento que garantirá a fomentará a plena participación dos mozos na vida política, social, económica e cultural", indicou Xosé Baqueiro. Así, citando as conclusións do estudo sobre a xuventude, apuntou como liñas prioritarias nas que traballar as seguintes: información, emprego, vivenda, saúde e calidade de vida, formación, participación e fomento do asociacionismo e promoción e dinamización xuvenil.

Modesto Gómez, responsable de Enxeño Galicia, a empresa encargada de realizar o estudo, analizou os principais datos do mesmo. O primeiro efecto ao que se referiu foi o carpe diem, aplicado ao feito de que o 92% dos mozos non teñen fillos. Ademais, un 92% do total está solteiro.

Emprego
Unha realidade que distingue a Compostela doutras cidades, tamén no eido da xuventude, é o do emprego. Así, unicamente un 11% dos enquisados está en paro, se ben Gómez recordou factores especiais que inciden neste dato, como o pasado efecto Xacobeo, tendo en conta que a enquisa se realizou no último semestre de 2010. Estes desempregados desagréganse no 5% que busca o primeiro emprego e no 6% que busca un novo emprego.

Neste capítulo tamén se recolle o 32% de mozos e mozas que unicamente estudan, fronte ao 30% que só traballa. Unidos aos indicadores dos enquisados que combinan ambas situacións, o resultado é que é escasa a presenza en Compostela da denominada xeración Ni-ni, utilizada para definir a aqueles mozos que nin traballan nin estudan.

Como dato salientable apunta que os que traballan "conseguen o seu primeiro traballo por medio dun familiar, nunha ocupación que non se corresponde coa súa formación (58% dos casos)", indicou, engadindo que "adoita ser un traballo temporal ou formativo de xornada completa por 700-800 euros". Non obstante, constátase que, tras cinco anos, unha boa parte conta xa cun traballo fixo e máis acorde coa súa formación, no que o salario xa está no rango de 1.200-1.300 euros.

Pensamento e relacións
O estudo tamén aborda outros factores que teñen que ver coa percepción dos mozos do seu entorno, concluíndo que "son máis confiados co afastado e desconfiados co próximo". En canto ao seu pensamento, o perfil tipo, definido polo responsable de Enxeño Galicia como froito do "efecto agnóstico", é o dun mozo "nacionalista de sentimento, ideoloxicamente de esquerdas, pero apolítico de intención (non cre na política) e crente non practicante no relixioso".

O 63% dos mozos composteláns ten parella, se ben destes só o 21% considera a súa unha parella estable. Isto denominouno Gómez como "efecto sexpático". Xa noutro nivel de relacións, cos pais e nais, segue a detectarse, e máis nun período de crise económica como actual a "emancipación retardada", traducida á súa vez nun "patriarcado económico" e nun "matriarcado xurídico".

Formación e novas tecnoloxías
Finalmente, o responsable do Departamento de Xuventude, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, referiuse a outro indicador que resulta favorable en Santiago respecto a outras cidades: a formación. Así, o 21% dos mozos teñen estudos universitarios, o 26% bacharelato, o 6% FP1, o 9% FP2, o 25% ESO, o 11% estudos primarios e só un 2% non teñen estudos.

Neste punto, Gómez destacou a alta compoñente de formación tecnolóxica dos mozos na actualidade, para cualificalos como "xeración TIC". Así, o 96% ten un perfil na redade, un 94% conta con ordenador, un 94% dispón de móbil, un 87% ten internet na casa e mesmo un 62% posúe consola de videoxogos.

Compartir: