MEDIO AMBIENTE

O mercado "Entre lusco e fusco" trae obradoiros de repostería de Entroido

21/02/2011 A Concellería do Medio Ambiente colabora coa I Feira de inverno do mercado "Entre lusco e fusco", organizada por Andaime e por colectivos de produtores, como Eirado, Lentura ou A Hortiña, que se celebra cada martes no parque de Belvís. Esta semana promoveranse os produtos propios da tempada de inverno e da próxima chegada do Antroido.

Deste xeito, entre as actividades previstas, celebraranse obradoiros de repostería de Entroido, de elaboración de queixo e manteiga, de títeres e de creatividade para cativos e cativas. Haberá tamén un mercado de troco e de troquiño, cabezudos e un concerto de música brasileira con Fred Martins, entre outros. Sen esquecer o mercado habitual con produtos locais, de tempada, ecolóxicos e de comercio xusto.

Mercados de consumo responsable
O proxecto do mercado "Entre lusco e fusco" avoga polo consumo responsable e consiste na organización dun mercado de serán de produtos locais, ecolóxicos e de comercio xusto en Santiago de Compostela. A idea naceu da necesidade de ofrecer unha alternativa real destinada ás persoas que teñen horarios laborais ou de estudos que coinciden cos de apertura dos mercados tradicionais composteláns. Preténdese, así, ofrecerlles un espazo onde poder adquirir alimentos básicos locais e de calidade -como produtos de horta, legumes e froitas- a aquelas persoas que por diversas causas se vexan abocadas a ter que acudir só a supermercados ou ás grandes superficies.

A potenciación da economía local, dende o punto de vista do consumo, é outro dos eixes fundamentais deste proxecto apoiado pola Concellería do Medio Ambiente. De forma paralela, intégranse no mercado actividades de divulgación do consumo responsable, como obradoiros ou charlas, e mesmo se realizan mercados de troco e outras iniciativas semellantes que axudan a dinamizar e a concienciar a un tempo.

O contacto directo entre produtores e consumidores, o establecemento de relacións onde a confianza mutua é importante, a ausencia de intermediarios que encarezan os produtos ou a recuperación da tradición dos mercados populares son só algúns dos atractivos desta iniciativa, pioneira na cidade de Santiago de Compostela.

Compartir: