CIRCULACIÓN VIARIA

A primeira fase da implantación das áreas de estacionamento para residentes estará rematada antes do verán

21/02/2011 A concelleira de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, fixo balance da implantación das primeiras zonas de estacionamento de residentes en Pontepedriña, Vite e San Pedro. Anunciou ademais que esta primeira fase rematará antes do verán. As seguintes áreas reservadas en por en marcha serán A Almáciga, Ultreia, Sar, San Lourenzo, Pelamios, Vista Alegre e Santa Marta.

Na primeira das zonas de aparcamento residentes posta en marcha, en Pontepedriña, presentáranse 557 solicitudes de tarxetas, das que se concederon 421. Poderán facer uso das 307 prazas dispoñibles, se ben se están facendo aínda cambios para adecuar as prazas ás demandas reais do barrio. Neste sentido, indicou a edil que "hai que escoitar os veciños para que as prazas se adapten ás súas necesidades" e recordou que as propostas de zonas de residentes "son consensuadas coas asociacións de veciños".

En Vite e Guadalupe concedéronse 879 tarxetas das 1.091 solicitadas. Máis de 400 son para toda a xornada e o resto unicamente para facer uso do estacionamento pola noite. Entre os dous tipos de prazas, as dispoñibles inicialmente chegan aproximadamente ás 700.

A seguinte área de residentes en arrancar será a do barrio de San Pedro, onde o pintado comezará a finais de semana. Presentáronse 819 solicitudes, e xa foron tramitadas ata o momento 420 tarxetas (328 para todo o día). Os veciños de San Pedro poderán dispor entre as dúas quendas de 420 prazas.

As tarxetas para os usuarios do barrio de San Pedro comezarán a entregarse a partir do 7 de marzo. Antes, o 1 de marzo, abrirase o prazo para que os veciños da Almáciga soliciten as súas tarxetas ata o 18 de marzo. Son 400 prazas as que haberá dispoñibles para residentes.

A concelleira confirmou que esta primeira fase de implantación das zonas de estacionamento para residentes rematará antes do verán, unha vez operativas tamén as áreas de Ultreia, Sar, San Lourenzo, Pelamios, Vista Alegre e Santa Marta. Non obstante, seguiranse tramitando solicitudes con posterioridade.

Destacou o bo funcionamento deste sistema de reserva de prazas e recalcou que "se trata de beneficiar á maioría de veciños". Recordou que en canto ás sancións, tárdase entre tres semanas e un mes en comezar a impoñer multas, "para dar tempo aos veciños a familiarizarse" coa nova situación. En calquera caso, dixo, nas áreas en marcha, "en principio puxéronse multas, pero despois xa non foi necesario".

Seguridade no rural
Preguntada polos xornalistas sobre os últimos roubos producidos nalgunhas parroquias do rural, Álvarez-Santullano indicou que se "intensificou a presenza no rural e a investigación da Policía Nacional, que é a que ten competencia nesta materia". Ademais, dixo, "tamén se incrementou a presenza da Policía Local, especialmente polas tardes e noites".

Compartir: