CIDADE HISTÓRICA

A páxina web de "Compostela 2021. A cidade intuída" difundirá as propostas do congreso

21/02/2011 A concelleira da Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, presentou a páxina web do congreso Compostela 2021. A cidade intuída, que dende o enderezo www.acidadeintuida.org informará de todo o relacionado con este evento. Durante a presentación do sitio web, a edil estivo acompañada por Javier Fernández, xefe de servizo da OCHiR e un dos coordinadores do congreso.

A idea xeral para páxina é que funcione coa estrutura dun blog. "Pensamos que unha iniciativa como esta comunícase mellor cun fluxo constante de novas e actualizacións máis que cunha páxina estática", indicou a concelleira, esclarecendo que "o que hoxe presentamos e a estrutura e o aspecto externo, durante os días que faltan de aquí á presentación pública a web irá medrando en contidos", trasladando aos visitantes "a idea de que A cidade intuída é algo en proceso, non finalizado, en evolución".

En canto á usabilidade da páxina, o deseño prima a lexibilidade dos textos, e con imaxes nun tamaño grande. "Isto semellábanos unha necesidade importante para garantir unha correcta compresión por parte do usuario e cidadán, porque na maioría dos casos trátase de planos urbanísticos", sinalou Olga Pedreira. Explicou tamén como "no primeiro contacto, ao entrar na páxina, encontramos un entorno moi visual" no que aparecen "as novas ou informacións máis salientables expostas mediante imaxes de gran formato", que "funcionan como reclamo das informacións que a páxina ten".

Textos, imaxes e vídeos
Os contidos divídense fundamentalmente en: textos explicativos da iniciativa, textos e imaxes que expliquen as propostas dos diferentes equipos, vídeo-entrevistas aos asesores que asistiron ás exposicións traballos e video-entrevistas a todos os arquitectos que interviñeron. Dende o menú de navegación pódese acceder a unha descrición da iniciativa, a unha sección de noticias, a un mapa de Santiago que localizará os distintos lugares de intervención, a información sobre os diferentes estudos que interviron, a un arquivo dos contidos e a un buscador interno.

Xa nun segundo menú, colocado de modo inferior ao anterior, organiza os contidos de acordo ás tres escalas de intervención nas que se divide o Congreso, correspondéndose coas áreas e zonas sobre as que se reflexiona. Así temos: Territorio, que á súa vez subdivídese en ríos, camiños e núcleos tradicionais; nunha segunda escala a Cidade Vella e a súa transición coa zona nova, con tres ámbitos tamén, Améndoa-Ensanche, San Pedro-Avenida de Lugo e San Lourenzo-Sarela; e por último o ámbito propio da Cidade Histórica coas tres zonas a reflexionar, que serán a Améndoa, Virxe da Cerca e San Roque.

Ao longo da semana iranse introducindo os contidos do congreso na páxina ata chegar aos días de reflexión e exposición colectiva no Teatro Principal, os días 1, 2 e 3 de Marzo. A páxina vai ser unha ferramenta útil e que axudará a comunicar ben a iniciativa e facilitar a súa difusión

Compostela 2021. A Cidade intuída
Coa finalización do ano Xacobeo 2010 e ata a chegada do próximo ano 2021, ábrese un amplo paréntese temporal que non deixa de ser unha boa oportunidade para pór en común e imaxinar que futuro queremos para a nosa cidade. Con estas intencións organizase o congreso Compostela 2021. A cidade intuída. Agora ábrese este período, o suficientemente amplo, que se pode aproveitar para facer unha reflexión do punto de vista urbanístico que, partindo sempre dun enfoque de caracter técnico, vai convidar a repensar a cidade na que desexamos vivir neste século XXI.

Nos obradoiros ou talleres, xa realizados, participou un gran número de profesionais do país como Cristina Ansede y Alberto Quintáns, rvr arquitectos, Oscar Andrés, Santiago Suárez y Jesús Conde, Creus y Carrasco, Cid y Santos, Crecente y Fuertes, Carlos Fernández García, Alfonso Salgado, Elizabeth Ábalo y Gonzalo Alonso, escaleno arquitectura, Carbajo y Barrios, y Juan Pinto Tasende. Tamén se contou coa presenza de recoñecidos profesionais do ámbito estatal como: Manolo Gallego Jorreto, Teresa Gali Izard, Emiliano Lopez, Juan Domingo Santos e Luis Martínez Santa-María, que achegaron a súa visión crítica no transcurso das catro sesións de traballo celebradas. As súas propostas e conclusións poderán observarse agora dende esta web e exporanse publicamente nas xornadas de portas abertas no Teatro Principal os días 1, 2 e 3 de Marzo, nas que se someterán á opinión da veciñanza os resultados destes traballos previos.

No grupo de traballo sobre o patrimonio cultural no territorio tratouse de indagar sobre as posibilidades de recuperar o tecido tradicional dos camiños e núcleos históricos e dos discursos fluviais existentes xerando un novo uso e disfrute do territorio e da súa cultura etnográfica. Xa na contextualización na cidade contemporánea procurouse reflexionar sobre a relación entre o novo e o vello, a súa coherencia e lectura unitaria, permitindo cualificar a ambos mediante unha adecuada engrenaxe que potencie o seu carácter de conxunto. Para o espazo público da cidade histórica tratouse de adiantar un modelo arquitectónico de cidade, contada a través do seu espazo público e a arquitectura que o define.

Compartir: