FESTAS

O prazo de inscrición para o desfile do martes de Antroido segue aberto ata o luns 7

19/02/2011 A Concellaría de Xuventude e Festas prepara unha edición máis das Festas de Antroido. Con este motivo e na busca dun festexo o máis multitudinario e colorido posible, convida a asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas individuais a participar no desfile de carrozas e nos distintos concursos de disfraces do martes de Antroido, que nesta ocasión cae o 8 de marzo.

Para poder desfilar neste martes de Antroido, os interesados deben inscribirse na Concellaría de Festas (Teatro Principal, rúa Nova, 21) antes das 14:00 horas do día 7 de marzo (Teléfono 981 542 347; Fax 981 542 348). Todos os que se anoten poderán participar nun desfile que comezará ás 17:30 horas na Estación de Ferrocarril, seguindo o seguinte itinerario: na Estación do Ferrocarril, será o seguinte: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e Xoan Carlos I.

Unha vez rematado o desfile as carrozas aparcarán na Avenida de Coruña e as comparsas participantes irán ao Paseo Central da Alameda. Os interesados en montar unha carroza deben ter en conta que as dimensións máximas son 2,50 metros de ancho e 4,20 metros de alto e 9 metros de longo.

A decisión dos membros do xurado e a entrega de premios producirase no Paseo Central da Alameda. Os xuíces terán en conta o deseño e a creatividade das carrozas, os disfraces e a caracterización dos compoñentes.

Repartiranse 12.800 euros en premios. As carrozas e comparsas gañadoras recibirán 2.000 euros cada unha, pero igualmente haberá recompensa económica para os segundos, terceiros, cuartos e quintos clasificados. Ademais, outorgarase tres premios especiais ás mellores comparsas procedentes dos barrios e parroquias de Compostela. Os mellores grupos, parellas e disfraces individuais tamén serán galardoados.

Documentos relacionados



Compartir: