SEGURIDADE CIDADÁ

O Pleno recoñecerá o labor desempeñado pola Policía Local durante o Ano Santo

19/02/2011 Con motivo da celebración do Patrón da Policía Local o vindeiro 5 de marzo, o Concello de Santiago realizará un recoñecemento a todos os policías municipais en conxunto pola dedicación e o traballado realizado durante o Xacobeo. Así mesmo, entregarase a Medalla do Corpo a catro membros a título particular. A proposta será aprobada previamente polo pleno da Corporación.

Esta consideración particular recaerá sobre Juan José Lemos Nieto, inspector que ingresou no corpo en 1973, ascendendo a oficial en 1986 e á categoría que ten na actualidade tres anos máis tarde; e sobre Juan Manuel Vilaseco Barros, oficial que ingresou en 1979 logrando o ascenso en 1990. Ambos xubílanse neste mes de febreiro. A título póstumo entregaráselle a Medalla do Corpo a José Isidro Bermúdez Agra e a Jesús Millán Castro, que viñan desempeñando o seu labor como policías locais desde 1984 e 1990, respectivamente.

A celebración do Patrón será tamén o marco para o recoñecemento do labor realizado por todos os membros da Policía durante o Ano Santo, recoñecemento que antes deberá ser aprobado polo Pleno do Concello.

En consideración da Alcaldía e da Concellería de Seguridade Cidadá e Circulación Viaria "a celebración do Ano Santo 2010, o de máis influencia de peregrinos da historia, puxo a proba a eficacia de tódolos servizos municipais, pero de maneira especial supuxo un reto para a nosa Policía Local. A planificación e desenvolvemento dos servizos para afrontar os grandes eventos programados, a profesionalidade e implicación dos seus membros, e o alto nivel de eficiencia nos resultados obtidos, fai que a Policía Local de Santiago fose motivo de orgullo para esta Concellería".

A proposta que será levada a Pleno recalca que "así mesmo, a visita da súa Santidade o Papa Benedicto XVI, o día 6 de novembro do ano 2010, conlevou a planificación e execución do dispositivo de seguridade máis amplo na historia de nosa cidade. A Policía Local de Santiago, en estreita colaboración co resto de forzas e corpos de seguridade, membros da organización e resto de servizos implicados, contribuíu á proxección internacional da imaxen de capacidade organizativa que se deu da nosa cidade e do noso país, contribuíndo á dignificación e recoñecemento público da Policía Local.

O Regulamento do Corpo da Policía Local de Santiago de Compostela no seu título V dos premios e distincións, e concretamente no seu artigo 43, contempla a felicitación pública por parte do alcalde para aqueles membros do Corpo que se distingan durante a prestación do servizo ou teñan unha actuación destacada ou especialmente meritoria, que a criterio desta Concellería considérase debe outorgarse este ano os membros da Policía Local do Excelentísimo Concello de Santiago de Compostela".

Compartir: