EMPREGO

Promoción Económica incentiva a inserción sociolaboral de desempregados en situación de risco ou exclusión social

18/02/2011 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, e o presidente da Asociación Plataforma polo Emprego, Miguel Fernández, presentaron en rolda de prensa a Campaña de Difusión das Empresas de Inserción Laboral, que contempla un seminario dirixido a entidades de iniciativa social, unha charla dirixida ao movemento veciñal, unha exposición fotográfica e unha presentación co tecido empresarial e as organizacións sindicais. O investimento municipal desta campaña será de 9.000 euros.

Iglesias sinalou que estas empresas participantes na campaña deben desenvolver actuacións de inserción "que lles proporcionen ás persoas traballadoras medidas de apoio personalizadas consistentes en formación profesional, adquisición de hábitos sociais de traballo e acompañamento social". En total, serán 10.000 persoas as potenciais beneficiarias desta iniciativa.

O responsable de Promoción Económica engadiu que "outra das características destas empresas é que deben contar cun mínimo dun 30% de traballadores/as en inserción respecto ao total do cadro en cómputo anual, agás os límites específicos para sociedades cooperativas e de sociedades laborais, e en todo caso nunca menos de dúas persoas, agás empresas de catro ou menos traballadores/as, que terán unha cando menos".

O concepto de Empresa de Inserción Laboral, segundo explicou o concelleiro, fai referencia a "aquelas estruturas produtivas de bens ou servizos que teñen como finalidade primordial do seu obxecto social a incorporación ao mercado laboral de persoas en risco ou situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación e acompañamento precisos para mellorar as súas condicións de empregabilidade e facilitarlles o acceso ao mercado laboral ordinario".

Esta campaña de difusión das empresas de inserción está enmarcada no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, promovido pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, e cofinanciada polo Fondo Social Europeo; conta coa colaboración das entidades que o integran: Asociación Área Empresarial do Tambre, Asociación de Empresarios de Hostalería, os sindicatos CCOO e UXT, a USC, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, e a Asociación Plataforma polo Emprego.

As empresas de inserción laboral son estruturas produtivas promovidas por organizacións sen ánimo de lucro que traballan no ámbito da inclusión social e que se incorporan ao mercado producindo bens ou ofrecendo servizos, contratando para iso a persoas en situación de exclusión ou risco de sufrila. Son unha ferramenta de inclusión social, pois o seu fin social último non é o económico, senón a integración das persoas en risco ou situación de exclusión no mercado laboral ordinario de traballo, a través dun proceso temporal de aprendizaxe das habilidades técnicas dun posto e das habilidades básicas sociais e laborais.

Con sede en Santiago de Compostela, existen tres entidades así cualificadas, todas elas promovidas pola Asociación Plataforma polo Emprego, como son a Asociación Plataforma polo Emprego, a Limprega Empresa de Inserción Laboral S.L. e Compostela Inserta EIL.

Neste sentido, a Asociación Plataforma polo Emprego, xunto coa Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo de Santiago de Compostela, queren promover dende o ámbito da empresa, das entidades sindicais e do tecido asociativo un lugar de encontro no que poidan debater sobre a figura das Empresas de Inserción Laboral coma ferramenta de promoción do emprego e loita contra a exclusión social.

O calendario de actividades desta campaña informativa é o seguinte:

- Seminario dirixido a entidades de iniciativa social. O martes 22 de febreiro, de 10:00 a 12:30 horas, no Centro Sociocultural das Fontiñas.

- Charla-coloquio dirixida ao movemento veciñal. O xoves 24 de febreiro, ás 19:00 horas, no Centro Sociocultural da Trisca.
- Exposición fotográfica. Dende o 24/02 ata o 10/03/2011 no Centro Sociocultural da Trisca.

- Encontro-presentación co tecido empresarial e a organizacións sindicais.

- Conferencia clausura con Carmen Avendaño e Ignacio Bedoya. O xoves 10 de marzo no Centro Social
Novacaixagalicia.

Compartir: