ALCALDÍA

Sánchez Bugallo afirma que se está traballando para "diversificar destinos e compañías" en Lavacolla

18/02/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anticipou "sorpresas favorables e positivas" en relación coas conexións aéreas internacionais de Lavacolla. Será a vindeira semana cando se estuden as ofertas, se reúna a comisión reducida do órgano de seguimento do aeroporto e se tome unha decisión definitiva.

Sen entrar a valorar ningunha posibilidade en concreto, Sánchez Bugallo anunciou que "imos ter boas solucións". Neste sentido, indicou que "traballamos para diversificar destinos e compañías", prognosticando "resultados nas dúas direccións". No que si insistiu é na necesidade de "no prorrogar máis alá de finais deste mes" as decisións a adoptar.

Seguindo coas comunicacións, pero neste caso viarias e dentro da cidade, o alcalde expresou a intención municipal de "ampliar o límite de 30 km/h a todo o caso urbano". Esta aposta xa se reflicte na Ordenanza de circulación, que se anticipou deste xeito á intención da Dirección General de Trafico (DGT) de establecer este límite para rúas de dirección única ou dun carril en cada sentido.

O obxectivo desta limitación é "reducir a sinistralidade e facilitar o uso doutros medios de transporte, como a bicicleta", indicou. Non obstante, apuntou que haberá algunha vía na que se poderá manter o límite de 50 km/h, como no caso do periférico ou dalgunha determinada rúa. Un caso particular que se está a estudar sobre como resolvelo finalmente é o de Fontiñas.

Bo funcionamento das zonas de residentes
A delimitación das velocidades comezará nas vindeiras semanas, xa que, segundo dixo alcalde, agora se están centrando os esforzos na posta en marcha das prazas de estacionamento para residentes. Expresou que "están funcionando moi ben", malia a "algunha dificultade cos non empadroados na zona ou empadroados noutro municipio". Unha medida deste tipo "ten vantaxes e inconvenientes aos que estamos intentando dar solución, pero calquera municipio ten que apostar primeiro polos seus cidadáns", engadiu.

Dez novos paneis do transporte urbano cada ano
O alcalde falou tamén na súa rolda de prensa do transporte urbano e da colocación de doce paneis informativos sobre a situación dos autobuses nalgunhas das paradas máis transitadas. Indicou que nunhas semanas se abrirá o concurso para instalar outros dez paneis e que a intención do Goberno municipal é a de colocar cando menos dez paneis máis cada ano.

Prioridade do metro lixeiro da estación ao aeroporto
A propósito da adxudicación pola Xunta dos traballos de estudo do metro lixeiro, con data de entrega en 2013, lembrou que "a prioridade segue a ser a liña entre a estación de ferrocarril e o aeroporto". Será cando se coñezan as conclusións do estudo que "poidamos ver outras prioridades", apuntando entre elas a liña co Milladoiro, que "seguramente sexa a máis barata e doada".

Decisión sobre o supermercado da praza de Abastos
Na súa comparecencia semanal, Sánchez Bugallo falou igualmente da solicitude do Ministerio de Fomento da conformidade municipal coa execución da obra da praza de Abastos pola empresa Tragsa. Amosou a súa satisfacción polo paso dado por Fomento, porque "nos vai a permitir axustar o ritmo da obra en función das necesidades da praza e dos propietarios das casetas".

O avance do proxecto tamén induciu á "reflexión" sobre a conveniencia do supermercado previsto na reforma. O rexedor afirmou ter "dúbidas" sobre o mesmo, polo que se tratará o asunto coa cooperativa da praza de Abastos. Como alternativa, suxeriu outra relacionada máis "coa promoción da gastronomía e dos produtos do país".

Presenza no Fòrum Gastronòmic de Girona
Nesta liña de promoción da cociña circunscríbese a aposta do Concello polo Fórum Gastronómico, recordando que "a gastronomía é o segundo motivo para visitar a cidade", segundo as enquisas realizadas aos turistas. Esta liña de promoción é "un favor que lle facemos ao conxunto de Galicia para por en valor os nosos profesionais e produtos", en palabras do alcalde.

Sánchez Bugallo estará presente en Girona na nova edición do Fòrum Gastronòmic. En 2012 corresponderalle de novo a Compostela albergar este evento.

Apoio á demanda doutro xulgado do contencioso
Uníndose á reclamación realizada polo decano do Colexio de Avogados de Santiago "con toda a razón do mundo", o alcalde tamén demandou "como mínimo" unha sala máis do contencioso, aínda que pola demanda se necesitaría "outra máis". Así, cunha nova sala, indicou, estaríase "lixeiramente por riba" dos 650 casos por ano que recomenda o Ministerio de Xustiza.

Insistiu tamén na petición do xulgado do mercantil e dunha segunda sala da Audiencia. "Agora mesmo xa necesitariamos tres xulgados máis e incluso un cuarto", dixo, xustificando así a petición realizada no seu día de que se reforzase a estrutura do novo edificio de xulgados, en construción, para que puidera albergar unha cuarta planta. Ese reforzo da estrutura xa foi aprobado polo Consello da Xunta, se ben o alcalde tería preferido que no proxecto modificado se incluíra a propia planta a maiores.

Satisfacción pola legalización do edificio de Sarela de Abaixo
Finalmente, Sánchez Bugallo expresou o seu "alivio" pola legalización do complexo de Ponte Sarela, poñendo fin a un proceso que definiu como "kafkiano". Ademais, tivo palabras de agradecemento ao construtor José Otero Pombo e ao arquitecto Víctor López Cotelo por unha obra que é "motivo de orgullo" para a cidade.

Compartir: