TRANSPORTES

Doce paneis informan xa en tempo real sobre a situación dos autobuses urbanos

15/02/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, asistiron na rúa Xeneral Pardiñas á posta en marcha do sistema de información do transporte urbano. Son doce paneis que indican o tempo aproximado de chegada á parada do autobús. Está prevista a colocación doutros dez paneis destas características.

Conxuntamente co novo sistema de validación e venta a bordo posto en marcha en decembro, a incorporación deste novo sistema converte á flota de autobuses urbanos de Santiago nunha das máis avanzadas tanto no que respecta á información ao usuario en tempo real como na xestión. O sistema componse dun Equipo Móbil SAE, modelo M20, con comunicacións GSM/GPRS de voz e datos, mans libres, consola de mensaxería co condutor e comunicacións Wi-Fi para descarga de monética.

Este sistema de axuda á explotación compleméntase con 12 postos de información de última xeración distribuídos pola cidade, con catro pantallas de tipo TFT e oito pantallas LED de alta resolución, nas que se indica o tempo aproximado de chegada á parada dos distintos transportes que pasarán por ela. Os paneis iniciais están situados en: estación de autobuses, hospital clínico, Pastoriza, Xeneral Pardiñas (2), Paxonal, Lisboa, praza de Galicia (2), A Rosa e Virxe da Cerca (praza de Abastos). A Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA) incluíu nos seus orzamentos a instalación doutros dez paneis este mesmo ano.

Na web e con SMS
Santiago de Compostela é unha das primeiras cidades en España en incorporar paneis multimedia TFT de última xeración para información do transporte. Ademais, a curto prazo tamén se poderá acceder á información en tempo real a través de páxina web, de mensaxes SMS ou de información en PDAs.

A comunicación entre os postos de información e o centro de control realizarase a través de tecnoloxía GSM/GPRS/HSDPA, cunha operadora do país, ademais de Wi-Fi en cocheiras. O equipo móbil de localización GPS recibe o sinal procedente dos satélites para localizar o vehículo, para posteriormente enviar os datos á central por medio do módem de comunicacións.

O centro de control actúa como auténtico corazón do sistema, cun software grazas ao cal se traballa con avanzados algoritmos que permiten predicir os tempos estimados de paso polas paradas. Ademais da información en tempo real dispoñible para o usuario, todos os datos recollidos permitirán xestionar dun xeito máis eficiente toda a rede de transporte.

Compartir: