MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente restaurará as árbores e remodelará as beirarrúas das Fontiñas

15/02/2011 A concelleira do Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, presentou as obras de restauración de beirarrúas do barrio das Fontiñas que foron aprobadas pola Xunta de goberno do Concello, unha actuación financiada cos FEESL 2010. A empresa adxudicataria das obras será CESPA, por un total de 241.620 euros (IVE incluído), asignando á execución dos traballos un total de 22,5 traballadores (15,5 propios da empresa e 7 de nova contratación).

A edil explicou como "durante o desenvolvemento do polígono das Fontiñas, hai agora 20 anos, optouse pola plantación maioritaria de plátanos nas rúas, unha especie moi útil para dar sombra e de crecemento rápido, mais que xa hai tempo que vén xerando problemas na zona: as copas interceptan a luz do alumeado público, as pólas están demasiado próximas ás vivendas e as raíces levantaron e levantan varias beirarrúas". Conscientes desta situación, "elaborouse a principios do 2009 un proxecto de intervención para avanzar na solución deste problema, un proxecto que non se chegou a executar, aínda que si que se levou adiante unha intervención a fondo en dúas das rúas, Berlín e Londres, que tamén conlevou a substitución de especies arbóreas".

Agora, esta obra "non dará solución a todos os problemas", recoñeceu Elvira Cienfuegos, "mais será un grande avance, pois actuaremos nas zonas con maior deterioro, concretamente nas rúas de Madrid, París, Moscova, Bruxelas e Viena". Os traballos que se efectuarán consistirán na reparación de 310 unidades de pavimento de 12 metros cadrados, levantando as baldosas, encaixando de novo as raíces e formando novos alcouves sen bordes, eliminando así a barreira que representan os bordes actuais e procedendo ao recubrimento dos novos alcouves con caucho. Ademais "destoconaranse 204 plátanos, dos que 19 non serán substituídos, polo estreito de beirarrúas que, por outra parte, son moi transitadas", engadiu.

Substitución de especies
Cienfuegos tamén explicou que "184 plátanos serán substituídos por 78 photinias e 107 ligustrum, dúas especies de folla perenne, máis acaídas para a zona, cun porte moito máis baixo que o dos plátanos, e que soportan moi ben as podas de formación", sendo a Photinia unha planta que vai mudando de cor ao longo do ano, de verde a vermello, e con flores aromáticas, e o Ligustrum unha árbore tamén de pequenos ramos de flores aromáticas e do que se escolleu unha variedade variegada". No proxecto tamén se inclúe o traslado e plantación da maioría dos plátanos arrincados a outros emprazamentos, onde poidan seguir cumprindo a súa función sen xerar problemas. A actuación iniciarase en breve e ten un prazo de execución de tres meses, un período que ademais coincide cunha época propicia para as plantacións.

A concelleira do Medio Ambiente quixo lembrar tamén que "as árbores xogan nas cidades un papel fundamental no que fai a súa calidade ambiental. Amortecen o ruído e as variacións de temperatura, regulan a humidade, enriquecen o aire en osíxeno, absorben dióxido de carbono, fixan partículas e gases tóxicos e aportan a riqueza da diversidade das súas formas e cores, que ademais cambian coas estacións, aínda que non todas son acaídas para todos os espazos públicos, como é o caso dos plátanos no barrio das Fontiñas".

Compartir: