XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica cinco obras de reforzo do firme en parroquias do rural

15/02/2011 Na súa sesión ordinaria, a Xunta de Goberno adxudicou ata cinco obras de reforzo do firme en vías públicas de Sarela de Arriba (A Peregrina), Munín (Laraño), Muíños, Cesar e Sabugueira. Estas actuacións están incluídas no Plan de Obras e Servizos 2010 da Deputación da Coruña.

Polo seu importe, 133.398 euros, salienta a obra de reforzo do firme en Cesar. Tamén se realizarán actuacións semellantes nas vías públicas de Sarela de Arriba, na parroquia da Peregrina (98.420 euros); en Munín, Laraño (59.986 euros); no rueiro de Figueiriñas-Muíños (98.240 euros); e na vía M-28-V de Sabugueira (80.594 euros).

Centros Socioculturais
Obras doutro tipo serán as que se realicen en varios centros socioculturais, que serán acondicionados. A obra máis ampla realizarase no local de Bando (63.373 euros), pero tamén se acometerán reformas nos centros socioculturais de Busto, San Xulián de Carballal, Enfesta, Villestro e a Trisca, por un total de 77.131 euros.

Xa no que se refire ao Centro Sociocultural de Santa Marta, en construción, adxudicouse definitivamente o subministro de mobiliario e equipamento, por importe de 142.253 euros. Tamén neste ámbito municipal, aprobouse o Programa de Bibliotecas da Rede de Centros Socioculturais, ao que se destinan 43.200 euros.

Urbanismo
En materia de Urbanismo, acordouse solicitar á Consellería de Educación a autorización para desafectar de uso educativo o antigo edificio anexo ao CEIP Apóstolo Santiago. O obxectivo é converter este espazo no Centro Xove de Creación Cultural. A mesma solicitude de autorización realízase para o patio do centro, onde se situará a nave anexa. Estas iniciativas forman parte do proxecto Urbana Santiago Norte.

Outro dos acordos foi a formalización da cesión a favor do SERGAS da parcela R-10 do SUP-4 de Conxo, onde se prevé implantar o novo centro de saúde deste ámbito da cidade. No acordo concrétase o prazo de tres meses para que o organismo sanitario solicite a licenza de obra, e o de dous anos para a implantación do centro. A parcela, situada a carón da praza da Mercé, está valorada en 1.379.560 euros.

VIII centenario da consagración da Catedral
Finalmente, deuse conta á Xunta de Goberno do borrador do convenio de colaboración entre o Ministerio de Economía e Facenda, o Ministerio de Cultura, a Xunta de Galicia e o Concello mediante o cal se encargan ao Consorcio da Cidade de Santiago as actuacións que aseguren o axeitado desenvolvemento do VIII centenario da consagración da Catedral. En particular, encoméndaselle a certificación da adecuación dos gastos realizados aos obxectivos e plans do programa e o desenvolvemento e concreción dos obxectivos, plans e programas de actividades específicas aplicables á conmemoración do devandito centenario.

Documentos relacionados



Compartir: