ALCALDÍA

Luis García Mañá e Luis Braga da Cruz, distinguidos polo Eixo Atlántico

10/02/2011 O Eixo Atlántico celebrou en Santiago a súa Asemblea Xeral, rematada a cal o organismo entregou as súas medallas de ouro ao xefe superior de Policía de Galicia, Luis García Mañá, e ao ex ministro de Economía de Portugal, Luis Braga da Cruz. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu á Asemblea e a este acto protocolario.

As medallas de ouro recoñecen o traballo de persoas e entidades que se distinguen polo seu empeño na construción da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Luis García Mañá, na actualidade xefe superior de Policía de Galicia, é un home de longa traxectoria de compromiso coa cultura galega e coa Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Á súa faceta profesional une unha dilatada e exitosa traxectoria como escritor de novelas policiacas, ambientadas entre Galicia e o Norte de Portugal, xa sexa no século XIX como en "O lume de Santo Antón", ou no XX en "As plumas do moucho".

Na súa condición de xefe de Policía participou activamente nas reunións impulsadas polo Eixo Atlántico para promover actuacións contra a delincuencia transfronteiriza. Foi impulsor da primeira comisaría destas características, situada en Tui.

A Medalla de Ouro do Eixo Atlántico non só recoñece esta traxectoria, senón que na súa persona quérese homenaxear á asociación Amigos do Couto Mixto, que desenvolveu un extraordinario labor de recuperación da historia da Eurorrexión a través dunha das súas entidades máis inxustamente descoñecidas e que constitúe o primeiro precedente da cooperación transfronteiriza.

Pola súa parte, Luis Braga da Cruz foi presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento da Rexión Norte (de Portugal), CCDR-N e un dos principais impulsores da Comunidade de Traballo, conxuntamente con Manuel Fraga, do que é amigo persoal dende os tempos da Universidade de Coimbra da que o pai do galardoado era reitor.

Posteriormente, como ministro de Economía do Goberno portugués de Antonio Guterres, continuou impulsando o desenvolvemento do Norte e especialmente da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Na actualidade, Braga da Cruz preside o Consello Social da Universidad do Minho, a Fundación Serralves e participa como experto de referencia nos traballos e estudos que impulsa o Eixo Atlántico.

Case catro millóns de orzamento
Na Asemblea Xeral do Eixo Atlántico aprobouse un orzamento para 2011 que ascende aos 3,95 millóns de euros. Desta cantidade, só 532.000 euros (o 12%) proveñen das cotas que achegan os 34 concellos, galegos e portugueses, que integran o Eixo Atlántico, reducíndose neste exercicio a porcentaxe das súas contribucións en dous puntos (do 14 ao 12%).

O groso do orzamento da entidade transfronteiriza xérase con recursos externos captados en proxectos europeos, convenios coa Xunta de Galicia e acordos con entidades privadas. Na Asemblea foron presentados os catro novos proxectos europeos aprobados para este exercicio, que se suman aos seis que se executan dende 2010.

Os proxectos europeos que implican máis inversión destínanse as áreas de desenvolvemento sostible, sociedade da información, innovación e cultura, deportes e turismo.

Compartir: