PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica destina 170.000 euros á creación e consolidación de novas empresas

10/02/2011 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o programa de fomento do emprendemento Compostela Activa 2011. Enmarcado no Servizo de Apoio á Empresa, ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago.

Para aquelas persoas que teñen unha idea de negocio, pero non dispoñen de medios para materializala, organiza o Concurso de novas ideas empresariais. Para axudar a que se consoliden as empresas de recente creación, convoca unha liña de incentivos. Estas dúas convocatorias de Compostela Activa 2011 contan cun orzamento de 84.000 euros.

Nun contexto económico de crise, a Concellaría de Promoción Económica aposta por manter os orzamentos dedicados no ano 2010 a este mesmo obxectivo dadas as necesidades (detectadas a través do Servizo de Apoio á Empresa) que presentan as persoas emprendedoras e as novas empresas precisamente neste contexto. Destes 84.000 euros, 60.000 destínanse a Axudas para a creación de novas empresas, e 24.000 euros ao Concurso de novas ideas empresariais.

O prazo de presentación das solicitudes para ambas convocatorias abrirase a partires da súa publicación no BOP prevista para o mes de marzo e rematará o 31 de maio de 2011. As persoas interesadas no Concurso de novas ideas empresariais e/ou nas Axudas para a creación de novas empresas poden recibir unha asesoría personalizada no Servizo de Apoio á Empresa, nas oficinas de Promoción Económica, localizadas na rúa do Hórreo, número 100, co teléfono 981 568 752. O horario é de 9:00 a 14:00 horas.

Ademais, enmárcase dentro do programa Compostela Activa 2011 a celebración da que será xa a VI Xornada Emprende en Compostela, que contará cun orzamento de 45.000 euros. A quinta edición, celebrada o 18 de maio de 2010, contou coa participación de máis de 300 persoas. O programa complétase con distintas actividades de formación, promoción e dinamización da cultura emprendedora que se realizarán en colaboración con distintas entidades seguindo a experiencia do ano precedente.

O Servizo de Apoio á empresa (SAE) é un servizo integral de apoio ás persoas emprendedoras, á empresa e ao comercio de Santiago. O seu principal obxectivo é apoiar a creación e consolidación de empresas poñendo a disposición das persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalos no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios.

Pablo Oubiña, Premio Novas ideas empresariais categoría Autoemprego co seu proxecto empresarial Enkenda

Co lema "Profesionais dende outra perspectiva" bota a andar Enkenda, unha plataforma na rede que permite coñecer e contratar profesionais para obras relacionadas coa vivenda e a xardinería nas distintas comarcas de Galicia. Carpinteiros, torneiros, canteiros, escaiolistas, electricistas… esta rede trata de poñer en contacto a profesionais que teñen en común a calidade e o rigor no traballo con todas aquelas persoas que precisen facer unha reforma, un arranxo ou calquera obra na súa vivenda.

Nun momento no que a construción non vive a súa mellor época, é importante poñer en valor a profesionalidade dos especialistas que hai en Galicia, e propiciar as ferramentas para dalos a coñecer dende unha perspectiva humana e de amor polo traballo ben feito. Para iso, Enkenda non só ofrece información detallada sobre cada profesional ou empresa, senón que os retrata en pequenos vídeos nos que os podemos coñecer de primeira man e ver in situ como traballan.

Para as persoas demandantes deste tipo de servizos, os potenciais clientes, tamén é moi importante ter a man unha web que é máis que un directorio de empresas: permítenos coñecer os profesionais que temos máis cerca para a obra concreta que precisamos, contactar con eles e pedir orzamento, no servizo básico gratuíto de Enkenda. Tamén ofrece o servizo Enkenda Plus de coordinación e supervisión de proxecto para quen non saiba nin por onde empezar, ou simplemente non teña tempo para visitar as obras.

O sistema tamén permite que os propios usuarios valoren os traballos das empresas que contrataron, creando así unha rede de confianza, que é un aspecto fundamental á hora de contratar este tipo de servizos. Os profesionais que se queiran adherir a Enkenda non teñen que pagar nada. A calidade será o único requisito para pertencer a esta rede.

Enkenda é un proxecto de Pablo Oubiña (Vilagarcía de Arousa, 1978), enxeñeiro de edificación e arquitecto técnico que traballou durante oito anos en empresas construtoras. A empresa, de recente creación e afincada no viveiro de novas empresas do Polígono Costa Vella de Santiago de Compostela, foi premiada como Nova Idea Empresarial 2010 polo Concello o 26 de novembro. Para o deseño e construción da web contou coa colaboración da empresa A Navalla Suíza, tamén da área de Compostela. A web está dispoñible dende o 10 de febreiro de 2011 en www.enkenda.com.

Compartir: