ALCALDÍA

Presentación aos veciños de Meixonfrío do proxecto da futura escola infantil do barrio

09/02/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo unha reunión cos veciños de Meixonfrío no local social Casa Agraria. O encontro tiña como obxectivo presentarlles o proxecto da futura escola infantil do barrio, que estará situada na rúa do Lavadoiro.

O novo equipamento, que será o máis grande da cidade destas características, está concebido como unha locomotora cos diferentes cubos-vagóns que representan o percurso escolar. Na xuntanza participou tamén a concelleira de Educación, Mercedes Rosón.

No marco da reunión explicouse que as obras levan un moi bo ritmo de execución. Agárdase que estean rematadas no mes de agosto, de xeito que a escola poida entrar en funcionamento en setembro.

Esta actuación forma parte das incluídas no proxecto Urbana Santiago Norte, que ten como obxectivo contribuir á mellora na dotación de servizos aos barrios da zona norte da cidade. Na escola investirase arredor dun millón de euros, dos que a obra de construción supoñen 724.784 euros. Destes, a Unión Europea achegará 507.349 euros a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e os restantes 217.435 euros serán aportados polo propio Concello.

Compartir: