ALCALDÍA

O alcalde reúnese con representantes das organizacións sociais na Casa das Asociacións de Benestar Social

09/02/2011 Representantes de asociacións e organizacións sociais con sede na Casa das Asociacións mantiveron un encontro co alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Benestar Social, Mar Martín. A reunión serviu para poñer en común os seus plans de traballo e para tratar de aproveitar sinerxías.

A Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES) comezou a funcionar no mes de outubro como un espazo destinado a atender as necesidades das entidades sociais do ámbito sociosanitario e social, facilitándolles espazo, medios e recursos para o seu funcionamento diario e propiciando un lugar de encontro para desenvolver os seus programas de atención social, redución de danos e de promoción da saúde,

O obxectivo do Concello de Santiago foi crear un espazo para que os programas sociais a disposición da poboación poidan desenvolverse con calidade, tanto os propios, como os que promoven as distintas entidades sociais que abranguen, dende a información e formación de persoas e profesionais, ao desenvolvemento de actividades destinadas á redución de danos causados polas distintas patoloxías, a prevención universal e o encontro das persoas en dúas vertentes: as persoas afectadas con persoas con problema similar, e a interactuación entre as entidades.

Este novo equipamento tamén permite favorecer a coordinación entre as diferentes asociacións, a utilización das novas tecnoloxías, a efectividade do traballo en rede, así como a realización de programas de formación, socialización de inserción social e laboral. A súa organización funcional permite un uso aberto á realización de outros actos e actividades de entidades que non teñan sede na CABES, sempre estean dentro do ámbito dos servizos sociais.

Abondando nesta perspectiva de prestación de servizos básicos e integrais á cidadanía, ubicouse na Cabes unha Unidade de Traballo Social dos Servizos Sociais Comunitarios municipais, composta por dúas Traballadoras Sociais, dúas Educadoras Sociais, unha Axente de Desenvolvemento Local e, a tempo parcial, a Traballadora Social responsable dos programas de Servizos Sociais con funcións de coordinación dos programas en execución, e dirección e xestión da propia Cabes, co apoio técnico da xefatura de servizo e sección do Area de Benestar Social. Esta experiencia de espazo compartido entre o persoal municipal e as entidades sociais, brinda a oportunidade de desenvolver metodoloxías de traballo en rede, que sen dúbida melloraran tanto a calidade como a axilidade, da prestación dos servizos e recursos á cidadanía.

Entidades instaladas na CABES
A CABES conta cunhas instalacións de máis de 1.425 metros cadrados con completos equipamentos de utilización conxunta, como unha sala polivalente multiusos de 142 metros cadrados, un ximnasio de 136,38 metros cadrados, una sala de xuntanzas de 36 metros cadrados, 2 aulas de formación de 36 metros cadrados cada unha, 10 despachos de atención ao público de 19,68 metros cadrados cada un, a compartir entre dúas entidades, e un centro de recursos de 109,56 metros cadrados.

Neste momento son 22 as asociacións instaladas na Casa: Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa ( ACCU), Asociación de Enfermos de Párkinson de Compostela (ASPAC), Asociación de Artrite Reumatoide, Asociación Galega de Lupus (AGAL), Asociación de Transplantados do Ril (TRASRILSAN), Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN), Asociación Galega de Síndrome X Fráxil (AGAXFRA), Asociación Educativo Cultural Qu Yuan (ACEQUYUAN), Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e Comarca (AMICO), Asociación de Persoas con Trastorno de Personalidade Galicia (TP GALICIA), Asociación de Pais e Titores de persoas afectadas de Autismo (FALEMOS), Asociación Galega de Médula Ósea (AGAMEO), Asociación Galega de Enfermos pola Doazón de Órganos (AGEDO), Asociación Galega de Enfermos de Alzheimer (AGADEA), Asociación de Persoas con Trastorno Bipolar de Galicia (ASBIGA), Unión galega de Epilepsia (UGADE), Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), Federación de Asociacións de Enfermos de Galicia (FAEGA), Solidarios para el Desarrollo, Fundación Red de Apoio a la Integración Sociolaboral (RAIS) e Unidade de Psicoloxía Forense da USC.

Balance de actividades
No derradeiro trimestre do ano 2010 desenvolvéronse na CABES 14 cursos e obradoiros impartidos tanto pola Area de Benestar Social coma polas entidades sociais do Municipio. Cabe destacar coma particularidade da cesión de espazos da Cabes fronte a outros equipamentos públicos, é que aquela posibilita desenvolver actividades sen ter en conta a súa duración (cursos de linguaxe de signos en varios niveis, de linguas, de competencia clave....). Así, dos 4 espazos que ten para usos colectivos, o 35,7% do total de cursos ou obradoiros desenvolvidos, tiveron unha duración de máis de 1 mes, e dentro desta porcentaxe, o 23,5% dos cursos que se imparten, teñen 6 meses ou máis de duración. Esta dispoñibilidade so a cubre este equipamento.

Previsións para 2011
Ao longo deste ano, no centro programaranse diversas accións formativas, obradoiros, conferencias, etc., a demanda das necesidades comúns das entidades usuarias, ou a proposta da Comisión de Coordinación, de próxima constitución. Estas accións estarán destinadas ás Asociacións, pudendo ter un carácter específico sobre xestión, organización e metodoloxía, principais áreas de traballo das asociacións; así como encamiñadas ao asesoramento técnico en elaboración de programas, organización de actividades, proxectos e memorias, ou de carácter xurídico para a elaboración de estatutos, interpretación de bases para as convocatorias de subvencións, lexislación, etc. Tamén se contempla entre a programación do Centro, actividades formativas de carácter xeral, como uso de ferramentas informáticas, acceso a Internet, así como outras de carácter participativo, de cooperación e voluntariado, que puideran xurdir. En xeral, preténdese atender, canalizar e organizar calquera demanda formativa e/ou informativa, das persoas usuarias en xeral e das asociacións en particular.

Compartir: