EDUCACIÓN E MEDIO AMBIENTE

O Programa de Educación Ambiental fomenta por noveno ano compromisos co medio ambiente entre os escolares

09/02/2011 As concelleiras de Educación, Mercedes Rosón, e de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, acompañadas pola responsable dos programas de educación ambiental de ADEGA, Marga Miguens, presentaron a novena edición do Programa de Educación Ambiental. Este curso farase especial fincapé nas actividades relacionadas cos bosques, ao ser este 2011 o Ano Internacional dos Bosques.

Mercedes Rosón resaltou a importancia deste programa para "achegar os máis novos ás cuestións ambientais máis próximas, sen esquecer os grandes problemas planetarios". A través das diversas actividades quérese incidir na "responsabilidade" dos escolares na "busca de solucións" para o futuro.

En termos parecidos pronunciouse Elvira Cienfuegos, que valorou a iniciativa pola súa capacidade para "mellorar actitudes co medio ambiente e promover compromisos". Así o recoñece tamén o profesorado, que cada ano demanda as actividades do programa, logrando que en cada edición participen uns 1.000 escolares de primaria, secundaria e bacharelato. Este curso, como nos dous últimos, un dos obxectivos é seguir incrementando a participación do alumnado infantil.

Dez bloques temáticos, a auga e os bosques
Marga Miguens explicou que o programa volve a dividirse en dez bloques temáticos, centrados nas seguintes cuestións: problemáticas do medio ambiente, residuos, consumo sostible, biodiversidade e medio natural, cidades sostibles, cambio climático, transformación do medio rural e aproveitamento forestal, saberes autóctonos, paz e seguridade humana, e enerxías renovables.

Ademais dos contidos específicos de cada bloque, en cada un deles haberá un apartado orientado a actividades relacionadas cos bosques. E á vista do éxito e da importancia que a auga ten na cidade, repítese o programa específico sobre esta materia. Os escolares saberán da importancia hidrolóxica de Compostela, coñecerán as fases e tratamentos da auga e reflexionarán sobre o uso racional da mesma.

Moitas e variadas son as actividades que, no marco de cada bloque, pode solicitar o profesorado para complementar o traballo realizado nas aulas, tales como sesións informativas, obradoiros, xogos, roteiros ou visitas.

Compartir: