XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno dá o visto bo á achega municipal de 819.000 euros a Incolsa

08/02/2011 A Xunta de Goberno aprobou, entre outros asuntos, o convenio polo que o Concello achega unha subvención de 819.315 euros a Incolsa. Tamén se deu o visto bo á posta a disposición dos terreos necesarios para acometer obras viarias en Figueiras e Brins, á contratación de diversas actividades de educación ambiental e á renovación de licenzas de venda no mercado de Salgueiriños.

O convenio fai efectiva a favor de Incolsa (Información e Comunicación Local) a subvención nominativa que os orzamentos recollen a favor desta empresa municipal. Son 819.315 euros destinados ao financiamento dos gastos derivados das actuacións programadas en 2011.

Entre as accións previstas figuran a implantación do sistema integral de calidade en destino (SICTED); a promoción da imaxe de destino turístico con atractivo gastronómico; a creación e publicación de material promocional; o acondicionamento dos servizos de acollida e atención turística; a Film Comission. Todas estas actuacións forman pare dunha estratexia para incidir no produto turístico de Santiago no seu sentido máis amplo, con obxectivos como a mellora da calidade da experiencia turística, a diversificación de produtos, a desestacionalización, o alongamento da estanza, o aumento do valor engadido por turista, etc.

Infraestruturas
A proposta do concelleiro de Infraestruturas, aprobáronse as actas de cesión dos terreos necesarios para a execución das obras de ampliación da pista que une a aldea de Brins coa estrada de Santa Comba. Non moi lonxe de alí, ponse a disposición da Deputación Provincial da Coruña os terreos públicos municipais afectados polo proxecto da travesía na DP-7803 de Santiago a Figueiras (entre os puntos quilométricos 3,520 e 4). Trátase esta vez de dotar de iluminación a este tramo, onde xa se cambiaron as beirarrúas.

Medio Ambiente
En materia de Medio Ambiente, iniciouse o procedemento para contratar o servizo encargado de diversas actividades de educación ambiental no parque de Belvís e no Centro de Interpretación do Medio Urbano e Natural de Santiago de Compostela. O tipo de licitación é de 25.433 euros.

Mercados
Outro dos asuntos tratados polo Goberno Local foi a renovación das autorizacións de venda ambulante no mercado de Salgueiriños para o ano 2011. En total, renováronse 165 licenzas. As 33 denegacións débense a solicitudes fóra de prazo, ao incumprimento de requisitos ou ao non pagamento da taxa. Outros dez comerciantes non solicitaron a renovación.

Bases xerais das prazas da oferta de emprego 2010
Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou as bases xerais para a convocatoria de prazas da oferta de emprego do Concello do ano 2010. Tamén se ratificaron as bases específicas para tres prazas de promoción interna de inspector principal da Policía Local, catro de inspector e dúas de oficial.

Documentos relacionados



Compartir: