ALCALDÍA

O servizo do transporte urbano incorpora cinco novos autobuses cun moderno deseño adaptado ás características da cidade

08/02/2011 A praza do Obradoiro acolleu a presentación das cinco novas unidades que incorpora o servizo de transporte urbano. Estes autobuses destacan polo seu moderno deseño exterior, máis adaptado aos novos tempos, e tamén polas solucións técnicas que incorporan. Teñen capacidade para 26 viaxeiros sentados e 65 de pé, ademais de espazo para unha cadeira de rodas.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, puido inspeccionar de primeira man estes cinco novos autobuses, que contribúen á renovación permanente da flota de vehículos. De feito, indicou que a antigüidade media dos autobuses está apenas nos sete anos. A próxima incorporación de novos autobuses virá da man do convenio asinado coa Xunta de Galicia para a implantación do transporte metropolitano.

Pola súa parte, Raúl López, o presidente de Monbus, accionista maioritaria de Tralusa (operadora do transporte urbano), destacou que estes novos vehículos superan en tecnoloxía e prestacións a calquera que poida dispoñer outra cidade galega. Tamén se referiu ao feito de que a súa carrozaría, elaborada por unha empresa compostelá, Castrosúa, está "especialmente adaptada" ás características de Santiago, con algo máis de 10 metros de lonxitude, fronte aos 12 habituais.

Entre as características técnicas destes autobuses destacan as máis altas condicións de seguridade activa e pasiva, grazas e melloras tanto na resistencia estrutural ao envorcado como ao incrustado frontal, ademais das que contribúen de forma substancial a incrementar a seguridade dos ocupantes.

Como novidades tamén cómpre citar a ampliación dos ángulos de visión do condutor e a mellora do posto de condución; as melloras na arquitectura e habitabilidade interior; os sistemas homologados para retención de cadeiras de rodas, o sistema de bloqueo do vehículo con portas abertas ou o novos sistema de barras e agarradoiras interiores, que permiten unha maior axilidade no movemento dos viaxeiros dentro do autobús e aportan unha maior comodidade aos usuarios que viaxan de pé. Ademais, os autobuses incorporan novos pilotos de gran tamaño e faros antinéboa, contribuíndo a un sistema de iluminación e sinalización exterior de máxima eficacia.

Comodidade e respecto ao medio ambiente
No capítulo da accesibilidade e o confort, salientan o nivel de acceso baixo en todas as portas, o piso baixo no interior do vehículo, o sistema de inclinación lateral para facilitar o acceso nas paradas; o sistema de climatización e aire acondicionado; os sistemas de iluminación e disposición de información para o pasaxeiro integrado e a maior superficie encristalada en fiestras laterais e portas.

Os novos vehículos están equipados con motores de última xeración, que incorporan a tecnoloxía de recirculación de gases de escape, reducindo de forma considerable as emisións contaminantes. Ademais, as carrozarías están construídas cun 90% de materiais reciclables e reutilizables.

Compartir: