PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Satisfacción polos primeiros meses de funcionamento do Centro Municipal de Mediación Cidadá, que xa xestiona 20 casos

07/02/2011 A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, e a profesora de Dereito Procesual da USC e presidenta da Asociación Galega de Mediación e Igualdade de Xénero (AGAMIX), Raquel Castillejo, fixeron balance dos primeiros meses de funcionamento do Centro Municipal de Mediación Cidadá (CEMMCI). Ademais, confirmaron a continuidade do servizo, que xa xestionou 20 casos dende a súa apertura.

Guadalupe Rodríguez expresou a súa satisfacción por estes primeiros meses de funcionamento do CEMMCI, especialmente polo cada vez maior coñecemento que deste servizo ten a cidadanía. "Estamos convencidos da súa utilidade para resolver conflitos, para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e para non xudicializar problemas que poden ter solución deste modo", indicou.

Pola súa parte, Raquel Castillejo lembrou que o Concello de Santiago foi pioneiro na implantación da mediación municipal en Galicia. Tras a iniciativa compostelá foron xurdindo outras e mesmo "están sobre a mesa dúas leis que incluirán a mediación para resolver conflitos no ámbito escolar e dos consumidores". Noutros lugares de España, dixo, a mediación é un sistema estendido e citou centros de mediación que reciben ata 30 solicitudes diarias.

Sobre o método da mediación, esta explicou que, cando dúas partes entran en conflito, a función da psicóloga e da avogada que atenden o Centro consiste fundamentalmente en "quitar esa violencia nas palabras que impide que a outra persoa escoite".

Posta en coñecemento e servizo
A posta en marcha do CEMMCI en maio de 2010 foi seguida dunha fase de comunicación cos diferentes implicados para dar a coñecer o servizo. Así, houbo conferencias, encontros e contactos directos con entidades con asociacións veciñais, axencias inmobiliarias e administradores de fincas, centros socioculturais, hostalería, corpos de seguridade, asociacións de consumidores, etc.

Tras esta primeira etapa, o CEMMCI comezou a recibir os seus primeiros casos, ata xestionar un total de 20 ata o momento. Deles, catro xa foron rematados con éxito, un foi desestimado por requirir a vía xudicial e os restantes 15 están en trámite. Nestes casos víronse implicadas 56 persoas. Tanto a concelleira como a presidenta de AGAMIX insistiron no incremento paulatino do número de casos que chegan ao Centro a medida que os cidadáns tomaron coñecemento da idoneidade deste servizo de mediación.

En canto á tipoloxía dos conflitos xestionados, no ámbito urbano destacan as molestias ocasionadas polos ruídos. En cambio, no rural, os problemas teñen máis que ver con disputas sobre a propiedade de árbores ou sobre lindeiros.

Documentos relacionados



Compartir: