ALCALDÍA

Villestro conta xa cun campo de fútbol dotado co último en herba artificial

06/02/2011 Co obxecto de responder ás necesidades da parroquia de Villestro, onde se vén desenvolvendo unha intensa actividade futbolística dende hai anos, o Concello construíu un novo campo de herba artificial que substitúe ao anterior de area. A obra está incluída no Fondo Estatal para a Sostibilidade Local e contou cun orzamento de 800.000 euros.

Resaltou o alcalde na súa inauguración que este é "o primeiro campo de herba artificial na zona rural" e que poderá prestar servizo a máis de 400 xogadores nas diversas categorías. Indicou tamén que "Villestro é unha das parroquias que máis e mellor creceu", polo que o Concello fixo un esforzo importante, salientando tres actuacións: auga e saneamento, o polideportivo e este campo de herba artificial.

O novo campo de herba artificial queda a carón da área deportiva prevista no SUNP-25 e permitirá albergar competicións de fútbol e de fútbol-7. En canto ás principais características, este campo de herba artificial conta con catro vestiarios –dous a cada lado- e cunha zona central para cantina e aseos. A grada, cuberta, ten unha capacidade para 150 persoas. As bancadas, en madeira, están dispostas de xeito que se evita o empozamento da grada e facilita a súa limpeza.

A carón do campo habilitouse unha área de aparcadoiro para autobuses e vehículos, que se une a outra existente a poucos metros no marco do SUNP-25. O campo está perfectamente iluminado con catro torretas de luces e, para o mantemento da herba, instaláronse seis canóns de rego.

Unha das principais características do campo é que está dotado coa última tecnoloxía en herba artificial. A subcapa asfáltica que normalmente se coloca baixo a herba artificial foi substituída nesta ocasión por unha subcapa construída a base de pneumáticos reciclados. Isto deixa unha superficie menos dura, máis cómoda e elástica. O sistema de drenaxe realizado elimina a posibilidade de empozamento en caso de choiva.

Compartir: