EDUCACIÓN

O programa "Gotagotham" concienciará aos escolares sobre a importancia da auga

02/02/2011 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, e a directora da zona centro de Aquagest, Paula Piñeiro, presentaron o proxecto educativo Gotagotham. Esta iniciativa pretende concienciar aos escolares de 2º, 3º e 4º de Primaria sobre a importancia da auga e fomentar unha actitude positiva cara o medio ambiente.

Tal como explicou a concelleira, grazas a "Gotagotham", os rapaces e rapazas coñecerán os ciclos natural e urbano da auga dun xeito didáctico, pero tamén lúdico. Así, os materiais desta campaña serán un elemento de apoio ao profesorado no tratamento destes temas, para reforzar o traballo na clase.

Anunciou Rosón que xa está confirmada a participación de máis de 600 alumnos e alumnas dos colexios Quiroga Palacios, A Milagrosa, Xuventude, Ramón Cabanillas, Pío XII, Vilas Alborada e Raíña Fabiola. Sumaranse así aos máis de 100.000 escolares que xa participaron no programa en toda España, segundo apuntou Paula Piñeiro.

Estes materiais didácticos estarán incluídos nunha maleta pedagóxica. Cada centro recibirá catro maletas, incluíndo cada unha delas o seguinte material:

- 1 DVD: vídeo de animación sobre o ciclo integral da auga con documentación adicional.
- 25 cadernos do/a alumno/a: exercicios para reforzar o aprendido.
- 2 xogos de parellas: útiles para memorizar os conceptos básicos do ciclo da auga.
- 2 xogos do mundo Gotagotham: casa a casa, os/as alumnos/as entenderán as fases do ciclo da auga.
- 25 caretas e 25 marcapáxinas: materiais complementarios para que recorden os consellos útiles.
- 25 diplomas para o alumnado

O proxecto establece incluso unha orientación para a programación temporal e temática das clases en función deste material. Gotagotham ten tamén a súa páxina web.

Finalmente, a concelleira de Educación indicou que dende o seu Departamento e Aquagest se está tamén traballando nun proxecto didáctico sobre o papel da auga no marco do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: