XUVENTUDE

Xuventude pon en marcha o aulario do novo Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga con cursos formativos

01/02/2011 O concelleiro de Xuventude e Festas, Xosé Baqueiro, presentou a posta en funcionamento do aulario do novo Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga. Para o seu lanzamento, a Concellaría contou cun orzamento final de 90.942 euros (40.105 euros para o mobiliario e 50.837 euros para o material informático e audiovisual).

Segundo explicou Baqueiro, a Concellaría de Xuventude oferta nove cursos gratuítos que se impartirán entre os meses de febreiro e maio para mozos e mozas de entre 12 e 30 anos. "Con esta lista de actividades conseguimos dar continuidade á proposta cultural e educativa que vén desenvolvendo o departamento nos últimos anos, froito da colaboración con diversos profesionais e colectivos, ademais de novos artistas e creadores composteláns", indicou. En concreto, no aulario do centro da Almáciga impartiranse seis dos cursos formativos de Xuventude, con actividades de temáticas diversas para cubrir os gustos culturais dos máis novos.

O concelleiro aproveitou para anunciar que o xoves 3 de febreiro presentarase en Raxoi o proxecto do espazo multifuncional, edificio anexo ao aulario, chamado A Nave, co alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o arquitecto encargado da obra, Alfredo Varela.

Cursos
No aulario da Almáciga impartirase o curso 6Mfotos, fotografía de viaxes, a cargo do fotógrafo Andrés Fraga, que xunto co seu compañeiro Juan Rivas ‘Coru’ realizaron unha peregrinación dende Noruega ata Compostela. Con esta acción formativa "búscase transmitir aos afeccionados á fotografía trucos e técnicas básicas para sacar boas imaxes de viaxe", apuntou Baqueiro.

Tamén na Almáciga ofrecerase un taller de comisariados, onde os alumnos, dirixidos por María Calvo, crearán unha pequena exposición e unha revista inmediata sobre un tema concreto. Outro dos cursos versará sobre pintura a través das Meninas, por Xoti de Luis, ademais doutra actividade de modelado, escultura e debuxo. A cultura urbana tamén terá o seu oco no centro cun curso de graffiti e outro de break dance.

Xa no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche impartiranse dous cursos, un de máscaras enfocado ao seu deseño para o Entroido, e un segundo de expresión oral. E finalmente, debido á longa lista de espera, ofértase unha nova edición da aula de educación canina no parque do Paxonal.

Para participar nestas actividades formativas os rapaces e rapazas deben cubrir un folleto de inscrición previa e entregalo dende xa no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16. 981 543 001; ou consultar a través do correo electrónico: dptoxuventude@santiagodecompostela.gal).

Unha web renovada
Ademais, Baqueiro presentou a nova web de Xuventude, que foi renovada e actualizada no seu deseño e contidos. A páxina recolle todos os espazos dedicados polo departamento á mocidade, as súas principais funcións e as actividades que se desenvolverán en cada un:

- Centro Sociocultural e Xuveni Municipal O Ensanche.
- Locais Municipais de música para a xuventude de Compostela de San Lázaro.
- Aulario do Centro Xove de Creación Cultural na Almáciga.

Tamén se inclúe un apartado con todas as actividades e programas e un enlace para expoñer as principais características e a normativa do Consello Municipal da Mocidade. Dispón dun blog de novas, onde xa se pode consultar e descargar o folleto coa nova programación, ademais dun apartado que inclúe un listado coas principais asociacións de Xuventude e enlaces aos organismos básicos galegos, españois e europeos. A páxina está enlazada co sitio web do concello e viceversa.

Direcciones relacionadas



Compartir: