CIDADE HISTÓRICA

A área de San Frutuoso convértese nun singular labirinto de buxo

05/03/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a reurbanización da área de San Frutuoso, acompañado da concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Olga Pedreira. Esta actuación, integrada no Fondos Estatal de Inversión Local, tivo un custo de 730.000 euros e supuxo a intervención sobre un ámbito de 1.792 metros cadrados.

A actuación consistiu nunha renovación completa do ámbito. Fíxose a renovación xeral dos acabados de calzada, beirarrúas e instalacións. Ademais disto, propúxose unha solución singular para a zona da explanada de San Frutuoso, entendendo que é un ámbito ligado á zona de Hortas, condicionado polo pasado como cemiterio de Peregrinos durante case cinco séculos e conformado por edificios que non abren ningunha porta ao espazo.

Nin a traseira do Concello, nin a medianeira cega nin o lateral da Igrexa de San Frutuoso supoñen un foco de actividade na praza. Por todo isto, a solución proposta tratou de ser un vestíbulo a Hortas, recordando o que foi no seu pasado e creando no seu interior subespacios abrigados de caracter estancial, que proporcionen unha escala máis amable fronte o muro do Concello de case trinta metros de altura.

Vestíbulo ás Hortas
Fíxose nesta zona un xardín labiríntico de buxo, formando ese vestíbulo ás Hortas, como sempre se fixo nas vivendas galegas de certo tamaño ou nos pazos. Un lugar dominado pola vexetación, pero por vexetación construída, domesticada, con especies ornamentais e pavimentación construída. Trátase dunha especie de filtro entre o construído do Casco Histórico e a natureza exuberante das Hortas.

Por outra banda, a idea do anterior cemiterio, suxire un lugar para deambular, onde se propicien reunións de pequenos números de persoas e se impidan as grandes aglomeracións, dominado por unha imaxe unitaria composta de pequenos fragmentos modulados e ordenados. A imaxe de principios do século XX que conservamos, con dous cipreses flanqueando o límite do cemiterio e a fonte central, foi reinterpretada tamén no proxecto, cunha liña de cipreses que separa o tráfico rodado do peonil e matiza a escala do muro do Concello, e por un estanque inundable á que concorren todas as augas superficiais de chuvia. Estas augas irán polo momento á rede xeral de pluviais e, cando se constrúa a entrada ás Hortas, cara esta zona.

Cambio de pavimento
Renovouse o tratamento superficial do espazo público mediante a construción dun novo pavimento de enlousado de pedra sobre soleira de formigón armada na zona de tráfico rodado. Na zona do comezo do camiño de Fisterra completouse unha alfombra de unión entre as escaleiras do Obradoiro, a rúa Hortas e a rúa Carretas con pavimento reutilizado das beirarrúas. O atrio da Igrexa, bordeado por franxas de pedra vella, construíuse con pedra nova, seguindo a dirección da Igrexa, tratando de xeito especial os encontros con pezas singulares como a fonte ou a porta da Igrexa. Na zona do xardín aparecían diferentes pavimentos nas estancias que xorden entre o buxo. As estancias máis cercanas á calzada conservan pavimento de pedra, reutilizada ou nova, as máis próximas ás hortas teñen pavimento de xabre e as do centro combinan céspede con grava.

Nos espazos entre liñas de buxo non transitables plantouse vexetación de outro tipo, con flor na súa meirande parte en varios niveis, o que fai máis atractivo o tránsito entre as diferentes estancias. Combináronse por zonas tamén plantas aromáticas próximas ás zonas de descanso e flores moi chamativas en zonas puntuais para acentuar o caracter lúdico que se pretende.

Compartir: