XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as bases da convocatoria de subvencións a asociacións culturais para o 2024

17/06/2024 A Xunta de Goberno local aprobou na sesión de hoxe as bases da convocatoria de subvencións a asociacións culturais 2024 por un importe total de 38.000 euros, así como a convocatoria de dous premios: o Exeria de proxectos de creación literaria; e o Premio Selic.

A Concellaría de Capital Cultural destina 38.000 euros á subvención de actividades que teñan un carácter cultural, que se executen dentro do termo municipal de Santiago, e que sexan abertas o público. As actividades obxecto de subvención mediante esta convocatoria van dirixidas á promoción de procesos e actividades culturais e artísticas de amplo espectro orientadas a todo tipo de públicos e idades relacionadas coas música, teatro, exposicións, cine, fotografías, conferencias, performances ou, en xeral, calquera acción cultural ou artística. Non serán subvencionables as actividades gastronómicas nin os cursos formativos.

En xeral, son gastos elixibles aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nestas bases reguladoras, en particular programación (por exemplo: cachés), persoal, produción, medios técnicos, promoción, publicidade ou gastos xerais.

O importe da subvención en ningún caso excederá do 80% do orzamento da actividade (incluuído o IVE) e as actividades subvencionadas deberán desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 20 de outubro de 2024.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP da Coruña e será de 15 días naturais. As solicitudes presentaranse na sede electrónica do Concello de Santiago ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Premios Exeria e Selic

Nesta mesma sesión, a Xunta de Goberno aprobou as bases de dous premios de creación literaria: o premio Exeria, dotado con 3000 euros, vai destinado aos proxectos de creación literaria de autores/as residentes en Santiago de Compostela que necesiten dun tempo e un espazo para desenvolver a súa obra, polo que conleva a reserva dunha estadía de creación literaria na residencia La Baldi, sita na vila de Montegiovi (Italia).

En canto ao premio Selic, que conta cun orzamento de 6000 euros, busca ampliar a promoción da creación ao ámbito literario co obxectivo de contribuír tamén á promoción da cidade como escenario da actividade artística e creativa. A convocatoria que agora se promove dálle continuidade á iniciada en 2018 e leva aparellada a autorización para a publicación da obra gañadora por parte do Concello de Santiago de Compostela.

En ambos casos, o prazo de presentación das obras abrirase ao día seguinte da publicación da convocatoria no BOP.

Convenios

No apartado de convenios, deuse o visto bo aos que se subscribirán entre o Concello e o Club Sociedade Deportiva Compostela (65.000 euros); o Club Ciclista Compostelano (6.000 euros); a Federación Galega de Atletismo (25.000 euros); e Special Olympics (3.500 euros).

Hortas

A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe a concesión de uso das hortas urbanas sitas en Campo das Hortas (52 autorizacións); Belvís de Abaixo (26 autorizacións); e Santa Marta (36 autorizacións).

Compartir: