CAPITAL CULTURAL

Gozar do teatro por vez primeira con ‘Coliño’ e ‘Univers’

03/05/2024 A programación escénica de Compostela Cultura garda lugar esta fin de semana para dous espectáculos dirixidos á primeira infancia. O sábado, día 4 de maio, A Xanela do Maxín ofrecerá no Teatro Principal dúas funcións de ‘Coliño’ e o domingo, día 5, Engruna Teatre representará tamén dous pases de ‘Univers’ no Auditorio de Galicia. As entradas para as funcións de ambos os espectáculos xa están esgotadas.

O ciclo ‘PorVezPrimeira’ de Compostela Cultura programa esta fin de semana dúas coidadas propostas escénicas dirixidas ao público máis miúdo. Nestas pezas, que contan cun número de localidades reducido, as familias comparten escenario cos intérpretes, o que favorece que os bebés se mergullen no universo construído por cada peza. A primeira delas chega da man da compañía galega A Xanela do Maxín, que representará no Teatro Principal ‘Coliño’, un traballo concibido dende o apego, as emocións e o vínculo afectivo entre os bebés e a súa contorna. Recomendada para público de até 3 anos de idade, o espectáculo combina sons, luces e cores nunha esmerada posta en escena que ofrece a un tempo un espazo de protección e calma e estímulos para que os bebés esperten os sentidos ao mundo que os rodea.

Dirixida e interpretada por Celtia Figueiras e Xosé Breijo, a peza conta tamén no elenco con Lois Prado, que ademais se encarga da composición e música orixinal, e Julia Abal, autora á súa vez da escenografía e os monicreques canda Daniel Rodríguez. A asesoría musical é de Paulo Lameiro, o deseño de vestiario de Figueiras e a iluminación de Octavio Más. ‘Coliño’ terá dous pases no Principal, ás 17.00 e ás 18.00 horas, que xa esgotaron todas as entradas dispoñibles.

A compañía catalá Engruna Teatre tomará o relevo o domingo, día 5 de maio, no Auditorio de Galicia con ‘Univers’. Este espectáculo, especialmente pensado para bebés de até 2 anos de idade, embarca o público nunha viaxe evocadora e inmersiva a través de música en directo, poesía visual e movemento. Os obxectos e personaxes que enchen o escenario móvense, descolócanse e reordénanse á procura do equilibrio e a harmonía na inmensidade. A proposta ensina a convivir coa vulnerabilidade e favorece a capacidade de adaptarse ás novas situacións que nos asaltan e nos sorprenden. Esta idea orixinal de Anna Farriol, Mireia Fernández, Txell Felip e Júlia Santacana, conta coa dirección de Mireia Fernández, interpretacións de Jordi Sala, Anna Farriol, Iria Corominas e María Ballús, espazo sonoro de Jordi Sala, espazo escénico de Clàudia Vilà, estruturas móbiles de Carles Piera, atrezzo de Castells i Planas, deseño de luces de Ganecha Gil e vestiario de Nùria Espinach. ‘Univers’ ofrecerá dous pases na Sala Ángel Brage, ás 11.00 e ás 12.30 horas que tamén esgotaron xa todas as localidades dispoñibles.

Compartir: