CAPITAL CULTURAL

‘Ritos de resistencia’: o Grupo Ouriol pon son á poesía de Luísa Villalta

03/05/2024 O Teatro Principal acolle o sábado 18 de maio ás 20.30 horas un recital multidisciplinar sobre a poética da escritora á que este ano se dedica o Día das Letras Galegas. A asistencia é gratuíta previa retirada de convites na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Teatro Principal (neste o último caso, só o día do evento). Na conmemoración do Día das Letras, a programación escénica de Compostela Cultura inclúe tamén dúas funcións de ‘Made in Galiza’, unha montaxe de Sarabela Teatro a partir do texto homónimo de Sechu Sende.

‘Ritos de resistencia’ é o título dun poema no que Luísa Villalta reflexiona arredor do papel da poesía como rebeldía e contestación ante canto nos adormece e anestesia, como mecanismo de supervivencia: "Isto é poesía, un ruído provocado. (...) Fronte á rutina, o rito da palabra tensa a pel do mundo: un tambor que desperta. A pel estremece-se porque recoñece a morte que baila fóra da tumba. Isto é tamén unha muller que resiste". Ese título é, á súa vez, o do recital que Compostela Cultura programa o sábado 18 de maio en homenaxe á escritora, violinista e docente á que este ano se dedica o Día das Letras Galegas. A partir das 20.30 horas, as táboas do Teatro Principal servirán de escenario para un espectáculo multidisplinar da man do Grupo Ouriol no que a tamén poeta Eva Veiga porá voz aos versos de Villalta arroupada polas músicas de Bernardo Martínez e Fito Ares e as imaxes proxectadas polo pintor Alfonso Costa. A través desta conxunción artística, o recital explora as suxestivas sonoridades dos instrumentos (percusión, frauta, saxo soprano e xoguetes musicais) orquestrados coa palabra e o silencio e procura ofrecer mergullar o público nunha experiencia estética integral arredor da obra da autora coruñesa.

A asistencia ao espectáculo é gratuíta previa retirada de convites (máximos 2 por persoa) dispoñibles a partir deste venres, día 3 de maio, na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no do Teatro Principal (o día do recital dende as 19.30 horas).

As letras en escena

Arredor do Día das Letras, a programación de Compostela Cultura garda lugar tamén para a representación obra ‘ Made in Galiza’ , unha peza desenvolvida por Sarabela Teatro a partir da novela homónima que lle valeu a Sechu Sende o Premio Ánxel Casal ao mellor libro do ano en 2007. A montaxe teatral, con dramaturxia de Fernando da Costal, dirección de Fina Calleja e interpretación de Fernando Dacosta, Sabela Galo, Elena Seijo e Josito Porto, representarase no Teatro Principal en dúas ocasións: o xoves 16 e o venres 17 de maio ás 20.30 horas. Ao remate do primeiro dos pases, a sesión de posfunción ofrecerá ao público asistente a oportunidade de conversar co equipo responsable da peza.

As entradas para este espectáculo poden ser adquiridas a un prezo de 12 euros (con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas) na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no do Teatro Principal (o día do espectáculo dende as 19.30 horas). Esta obra forma parte dos espectáculos seleccionados pola Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Direcciones relacionadas



Compartir: