EDUCACIÓN

Últimos días para inscribirse no programa de conciliación de verán VacaLudos no Espazo María Miramontes

22/04/2024 Ata o 24 de abril segue aberto o prazo de solicitude de praza para participar nas actividades do programa de conciliación de verán VacaLudos, que se desenvolverá no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes (Ludoteca das Fontiñas) entre os meses de xuño e setembro.

O programa dividirase en seis quendas: a primeira, do 24 ao 28 de xuño; a segunda, do 1 ao 12 de xullo; a terceira, do 15 ao 31 de xullo; a cuarta, do 1 ao 14 de agosto; a quinta, do 19 ao 30 de agosto; e a sexta, do 2 ao 10 de setembro.

As persoas usuarias poderán desfrutar dun máximo de 1 quenda, a non ser que haxa prazas dispoñibles noutras. No caso de quedar prazas baleiras nalgunha das quendas asignaranse tamén segundo os criterios de prioridade fixados e será a única vía para a adxudicación de máis de 1 quenda. As persoas usuarias deberán solicitar, unicamente e por orde de prioridade, as quendas de interese. O Centro asignará as prazas en función dos criterios de acceso e da prioridade seleccionada polas familias solicitantes.

As actividades son de balde e a publicación das listaxes de admitidos/as terá lugar o 10 de maio. A solicitude de matrícula realizarase segundo as indicacións recollidas no documento ao pé desta información.

O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes (Ludoteca das Fontiñas) está ubicado na Rúa Fontes do Sar, núm. 3, en Santiago de Compostela. Conta cunha superficie total construída de 1.080,50m2 e unha superficie útil de 730,63 m2, dividida en dúas plantas.

Ten unha finalidade lúdica, socioeducativa, cívica, cultural e inclusiva, cun proxecto cuxo obxectivo principal é garantir o dereito dos nenos e nenas ao xogo e a colaborar, así, no desenvolvemento integral da persoa, polo que está equipado cun fondo organizado de xogos, xoguetes, libros e outros elementos lúdicos adecuados á súa idade. Inclúen espazos psicomotrices, áreas de xogo simbólicas e tamén xogos multimedia.

Documentos relacionados



Compartir: