PLENO

A corporación municipal súmase ao apoio ás persoas afectadas polo lupus cunha declaración institucional que se aprobará o vindeiro mércores

21/04/2024 O Pleno do Concello aprobará o vindeiro mércores 24, na sesión ordinaria do mes de abril, unha declaración institucional apoiada por todos os grupos municipais que, baixo o lema ‘Non deixes que o lupus gañe: rebélate contra o lupus’, busca visibilizar esta enfermidade cuxo día mundial se celebra o 10 de maio.

Os catro grupos municipais aprobarán o vindeiro mércores esta declaración na que expresan "o apoio e o recoñecemento cara ás persoas con lupus, ás súas familias e ás asociacións de pacientes que diariamente traballan para a creación dunha clara conciencia social da enfermidade, dirixindo as súas actuacións cara ao diagnóstico precoz e o tratamento desde o enfoque terapéutico e multidisciplinar". Así mesmo, demandarán "que se leven a cabo as accións pertinentes e se destinen os recursos necesarios para dar resposta a estes retos e paliar a situación de especial vulnerabilidade, así como garantir, con equidade, os dereitos das persoas con lupus e as súas familias, coa consciencia de que para unha enfermidade crónica para a que non existe cura, como esta e moitas outras, a investigación e o acceso á innovación é vital".

O lupus é unha enfermidade autoinmune crónica que afecta a 5 millóns de persoas en todo o mundo e a súa prevalencia ascende a 210 casos por cada 100.000 habitantes en España. A pesar destas elevadas cifras, preto do 60% das persoas non saben en que consiste o lupus ou tan só coñecen o nome da enfermidade, o que a converte nunha enfermidade invisible para a poboación en xeral, menos para quen a padece. Son especialmente mulleres as afectadas, xa que representan o 90% dos casos de lupus desenvolvendo a enfermidade entre os 15 e os 55 anos.

De entre os distintos tipos, o lupus eritematoso sistémico (LES) representa aproximadamente o 70% de todos os casos e a metade deles ve afectado un órgano ou tecido importante no corpo, como o corazón, os pulmóns, os riles ou o cerebro. Aínda non existe cura nin tratamento efectivo para previr o dano orgánico a longo prazo que provoca o lupus. Unha enfermidade impredicible que, de non tratarse, pode aumentar a discapacidade e incapacidade da persoa afectada e ser potencialmente mortal.

Con motivo do Día Mundial do Lupus, baixo a lema "Non deixes que o lupus gañe: rebélate contra o lupus", a Federación Española de Lupus (FELUPUS) busca afoutar os pacientes que non deben renderse fronte ao lupus e insta as administracións a actuar xuntas, manifestando o seu recoñecemento e apoio ás persoas que conviven con esta enfermidade e declarando o seu compromiso para contribuír a dar resposta ás necesidades non cubertas en España.

Para iso, fan fincapé na necesidade de traballar na consecución de catro retos: "promover un sistema de saúde público e de calidade que garanta a equidade e uniformidade durante os procesos de diagnóstico, tratamento e seguimento da enfermidade; impulsar a innovación e a investigación promovendo o intercambio de coñecemento científico e o impulso de novos avances no descubrimento de tratamentos; aumentar os fondos tanto públicos como privados para a investigación do lupus; garantir o acceso en equidade aos tratamentos e a novas terapias; e recoñecer adecuadamente o dano orgánico acumulado do lupus e o seu impacto no benestar físico, mental e ocupacional dos pacientes".

Documentos relacionados



Compartir: