RURAL

Avanza a constitución do Consello de Medio Rural coa designación de representantes do asociacionismo veciñal

27/02/2024 A concelleira de Rural, Pilar Lueiro, explicou que no Pleno de febreiro se van designar as persoas representantes veciñais escollidas nun proceso de eleccións para a conformación do Consello de Medio Rural.

En concreto, os membros do Consello de Medio Rural que terán un mandato de catro anos son Graciela Carro Asorey, da AVV Francisco Garcia Beiro de Marrozos; José Antonio Gallas Barcia, da AVV Río Sarela da Peregrina; José Antonio Montaos Liñares, da AVV Campo das Escolas de Busto; Mª Cruz Vázquez Veiga, da AVV Pontesionlla de Enfesta; Julio Luís Fernández Balado, da AVV A Xunlla de Laraño; e Óscar Montero Colón, da AVV Santa Mariña de Berdía.

Segundo explicou Pilar Lueiro, "este era un dos compromisos do Goberno local en canto a fomentar a participación veciñal, coa intención de dinamizar as necesidades contidas no Pacto polo Rural subscrito por todas as forzas políticas coas entidades". Como recolle o regulamento, este consello ten como obxectivo incrementar a participación comunitaria nas materias que conforman o seu ámbito de actuación, ademais do asesoramento, elaboración de propostas de actuación e seguimento da súa execución.

O Consello Municipal do Medio Rural está integrado pola presidencia, que ostentará a alcaldesa Goretti Sanmartín; unha vicepresidenta que é a concelleira responsable de Medio Rural, Pilar Lueiro; outra persoa vicepresidenta que será designada por este Consello a proposta da presidencia; un representante de cada un dos grupos políticos que integran a Corporación municipal e as seis persoas das asociacións veciñais do ámbito rural que saíron do proceso de elección de representantes.

Compartir: