CAPITAL CULTURAL

A poesía do clown e a revisión dos clásicos centran esta semana a axenda escénica de Compostela Cultura

14/02/2024 Isolada de Natalia Outeiro "Pajarito", Iphixenia na porta do súper da Compañía Humana e La vida es sueño de La Zona e a Compañía Nacional de Teatro Clásico chegan de xoves a sábado ao Teatro Principal e ao Auditorio de Galicia.

A programación escénica de Compostela Cultura inclúe esta semana tres espectáculos para público adulto. O primeiro deles é Isolada, de Natalia Outeiro ‘Pajarito’, con función o xoves 15 de febreiro ás 20.30 horas no Teatro Principal. A peza, chea de humor e lirismo, afonda na esencia do pallaso para convidar o público a reconciliarse co fracaso, gozar do absurdo e aprender a rir de si. A forza de poesía e comicidade, ‘Pajarito’ tece unha viaxe emocional para nos facer reflexionar sobre os soños, a soidade e a loucura. Ao remate da peza, o público terá oportunidade de coñecer máis de preto o proceso de creación deste traballo na #posfunción que contará coa presenza da artista.

O pano do Teatro Principal volverá subir o venres 16, tamén ás 20.30 horas, para acoller a representación de Iphixenia na porta do súper, da Compañía Humana. Na adaptación que Fran Peleteiro e Alba Caneda fan do texto orixinal de Gary Owen, a heroína que concibira Eurípides vira nunha moza residente nun barrio periférico dalgunha cidade galega que nos interpela acusando o noso individualismo e que parece disposta a sacrificarse e converter o seu sufrimento en xenerosidade cara á sociedade que a marxina. Ao remate da peza, que se encadra no ciclo ‘A voltas cos clásicos’ de Compostela Cultura, haberá tamén sesión de conversa coa súa actriz protagonista Alba Caneda, coas escenógrafas As Dúas e Punto, e con Antela Cid e Fran Peleteiro como responsables da produción da obra.

Finalmente, e tamén ao abeiro do ciclo ‘A voltas cos clásicos’, o Auditorio de Galicia acollerá este sábado ás 20.30 horas o espectáculo La Vida es Sueño, na versión producida por La Zona e a Compañía Nacional de Teatro Clásico. Declan Donellan dirixe esta adaptación que coasina con Nick Ormerod e á que poñen corpo e voz Ernesto Arias, Prince Ezeanyim, David Luque, Rebeca Matellán, Manuel Moya, Alfredo Noval, Goizalde Núñez, Antonio Prieto e Irene Serrano. Esta revisión do clásico do Século de Ouro español, pon o foco nas e nos intérpretes, no texto e no espazo para rachar coa tradición representativa da peza, involucrar o público na sala e facer unha proposta escénica que se aproxima ao vodevil ou á comedia televisiva para seguir a esluír os límites entre realidade e ficción e afondar nas tensións entre o poder e a liberdade.

As entradas para os tres espectáculos están disponibles no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e na web de Compostela Cultura. Ademais, poderanse comprar tamén no despacho de billetes do Teatro Principal e do Auditorio de Galicia o día da representación dende unha hora antes do seu comezo.

Compartir: