FESTAS

Un Meco inspirado na catástrofe ambiental dos pellets dará a benvida ao Entroido este sábado

06/02/2024 A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada de Faia e Guillermo, membros do grupo De Vacas que estarán a cargo do pregón deste ano, presentou a figura do Meco deste Entroido que percorrerá o sábado as rúas de Compostela para quedar instalado no balcón do Pazo de Bendaña ata o mércores 14 cando será queimado na praza Roxa. No acto tamén estivo presente o creador do Meco, José Manuel Méndez.

Pilar Lueiro presentou o símbolo do Entroido compostelá, o Meco, que será o protagonista da "época máis divertida e subversiva do ano, uns días de permisividade e certo descontrol" e abrirá as festas este sábado 10, aínda que se estenderán "ao longo de todo o mes, pois este sábado 3 comezou en Marrozos e rematará o sábado 2 na parroquia de Carballal".

Así, o Entroido arranca oficialmente o sábado co tradicional desfile do Meco, que partirá ás 20 h da praza de Cervantes acompañado polos Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño, ata chegar ao Pazo de Bendaña, onde quedará instalado ata o día 13. Dende o balcón escoitará, ao igual que todos os composteláns e compostelás que se acheguen ata a praza do Toural, o pregón de inicio das festas a cargo da Marela, a Rubia, a Morena e a Pinta, o grupo compostelán De Vacas "que fai versión musicais de éxito mundial cun formato retranqueiro e divertido".

A concelleira recordou que desde esta sábado e ata o martes 13 "varias comparsas e charangas percorrerán as rúas da cidade" así como "as asociacións folclóricas da cidade, Colexiata de Sar e Brincadeira que animarán os entroidos rurais".

A cita central da xornada do domingo será o Festival Infantil de Disfraces que se celebrará na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos, con entrada libre e inscrición previa (entre as 16.30 h e as 17.45 h). Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os premios son doados por El Corte Inglés. Os nenos e nenas serán tamén os protagonistas da proposta 'Mascarada Tour' que percorrerán as rúas da cidade histórica de Santiago o luns 12.

Martes de Entroido

O día grande do Entroido, o martes 13, traerá o agardado desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20 horas terá lugar a actuación dos Bregadiers, e, posteriormente, a entrega dos premios do desfile. A concelleira anunciou que, como novidade este ano, "todos e todas as compostelás que participen e non resulten premiados van ir a un sorteo polo que percibirán unha gratificación simbólica pola súa participación".

Xa ao día seguinte, o mércores 14 de febreiro, Santiago despedirá o Entroido coa tradicional "comitiva fúnebre que levará o Meco dende a praza do Toural até a praza Roxa coa participación das comparsas que o levaron o propio sábado: os Conformistas, A Ruliña e Os Armatroulas" para a súa incineración ás 21 horas. Todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.

A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla que o sábado 17 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente e co Entroido de Conxo que ofrecerá unha amplo programa de actividade ao longo de toda a xornada.

Ademais, a edila de Festas destacou o "show improvisado de teatro, que terá lugar o sábado 10 no CSC de Conxo e o 17 no do Romaño, un espectáculo no que non hai texto previo e a través do propio público vaise creando a obra". As persoas partipantes poderán asistir aos obradoiros de preparación previa que "se están realizando entre o 1 e o 8 deste mes nos centros socioculturais".

Pilar Lueiro pechou a súa intervención expresando o seu agradecemento ás "comparsas compostelás, xa non se entende o Entroido sen elas na cidade", e "ás comisión de festas e unións carnavalescas das parroquias do rural como son Marrozos, Angrois, Aríns e o Eixo pois manteñen viva a tradición e grazas ao seu traballo", e convidou a toda a veciñanza a participar, a disfrazarse e "a rir coas letras críticas das comparsas e a gozar deste Meco, do pregón con De Vacas e dos desfiles do xeito máis retranqueiro e divertido".

O Meco das boliñas que 'veñen e van'

Nesta ocasión o Meco está inspirado na traxedia ecolóxica dos pellets que chegaron ás costas galegas nos últimos meses xa que o tema "ten que ser de actualidade e recopilar ao mesmo tempo todos os males do ano do ano", detallou o seu creador, José Manuel Méndez que explicou que se trata do boneco número 32 que realiza para o Entroido compostelán. O espírito detrás da figura do Meco é queimalo "para ver se non se volven repetir estas cousas".

Pola súa banda, Faia e Guillermo, membros do grupo De Vacas, expresaron o seu agrademento ao Concello por ter sido elixidas como pregoeiras, "algo que nos fai moita ilusión" e reivindicaron o Entroido compostelán xa que "as tradicións están ahí para darlles lume e para avivalas". Ademais, recoñecéronse "perfectamente identificadas co Entroido" xa que somos un grupo "atrevido e crítico por definición."

Direcciones relacionadas



Compartir: