SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL

O Concello acondiciona un Mirador das Estrelas no Monte Pedroso

06/02/2024 En consonancia coa iniciativa Slowlight, un movemento que defende a iluminación pública sustentable e a creación contornas urbanas sen contaminación lumínica, o Concello de Santiago desenvolveu un proxecto para crear o Mirador das Estrelas no Monte Pedroso, ademais da ordenación do uso dos espazos e da mellora dos seus accesos.

A alcaldesa Goretti Sanmartín, acompañada dos concelleiros Xesús Domínguez e Manuel César, realizaron unha visita ao planisferio celeste, gravado en granito, situado no cume do Monte Pedroso que permite coñecer e identificar as constelacións, nunha representación da súa situación un 25 de xullo en Santiago de Compostela. Na zona hai bancos para convidar á observación e fotografía nocturna das estrelas desde este lugar emblemático.

O Monte do Pedroso é un espazo de alto valor patrimonial, histórico e natural. Mediante esta actuación realizada con fondos EDUSI, creáronse espazos de descanso, zona de contemplación diurna das vistas da cidade, zona de contemplación nocturna, incorporación e consolidación de masas vexetais, posta en valor do conxunto, así como a mellora do equipamento e do uso social dese espazo.

Esta proposta desenvolveuse nunha superficie de 401.405 m2 atendendo a elementos históricos, ambientais e da divulgación científica. Este proxecto enmárcase dentro do programa REVIVE-Santiago EDUSI, concretamente na Liña de Actuación "LA7. Recuperación e promoción do Patrimonio Natural", tratándose dun grupo de actuacións dirixidas a promover a protección, fomento e desenvolvemento da paisaxe natural, cultural e urbana.

Compartir: