ALCALDÍA

O Concello habilitará dúas novas parcelas como aparcadoiro provisional mentres duren as obras de ampliación do CHUS

02/02/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou hoxe en rolda de prensa que o Concello acondicionará dúas novas áreas de estacionamento con carácter provisional mentres se executan as obras de ampliación do complexo hospitalario. As parcelas son as situadas á beira do aparcadoiro de borde de Santa Marta e a próxima ao CIMUS e ofertarán entre 250 e 270 prazas gratuítas.

O Concello de Santiago, sinalou Sanmartín, co obxectivo de "contribuír a achegar solucións para as persoas usuarias do complexo hospitalario que sofren cada día a falta de prazas de aparcamento" vai facer os proxectos e destinar as partidas económicas necesarias para crear dúas novas áreas de estacionamento "ante a situación actual de emerxencia, agravada co inicio das obras do Centro de Protonterapia e da ampliación do complexo hospitalario".

As dúas parcelas que se van acondicionar son as situadas á beira do aparcadoiro de borde de Santa Marta e a próxima ao CIMUS, que poden ofrecer entre 250 e 270 prazas.

A parcela próxima ao CIMUS ten unha superficie de 3.000 m2 e nela poderían crearse entre 100 e 120 prazas. Prevese un investimento inicial de 27.000 euros para unha actuación que consiste na roza de vexetación, escavación, formación de noiros, retirada de material a vertedoiro e posterior aporte de grava (xabre) estendida e compactada en capa de 25cm. de espesor.

Na parcela á beira do aparcadoiro de borde Santa Marta, na rúa Trece Rosas, a superficie que se amplía será de 4.600 m2, que dá para 150 prazas cunha ratio de 30m2 por praza para facilitar os accesos e a mobilidade, e supón un investimento estimado de 40.000 euros.

Estas obras, que serán de baixo impacto, "realizaranse o máis rápido posible", sinalou a rexedora, que indicou que as parcelas están situadas unha a 800 e outra a 150 metros do hospital. As prazas que albergarán serán gratuítas e de acceso libre, mais con vixilancia para que haxa rotación e non se convertan en aparcadoiros de longa estadía.

Reunión

A respecto da reunión mantida esta semana na Xunta sobre o aparcadoiro do CHUS, Sanmartín sinalou que "agardaremos agora a termos algún tipo de documento que concrete esta proposta e o contido do proxecto para tomar unha decisión sobre ela. É evidente que sempre hai marxe de negociación e, polo que fomos vendo, nin a cantidade é inamovible nin o proxecto está tan pechado como a Xunta de Galicia quixo trasladar". Tamén anunciou que o resto dos grupos políticos da Corporación foron onte convocados a unha xunta de portavoces onde serán informados do contido da proposta formulada pola Xunta de Galicia.

Compartir: