TURISMO

Compostela superou en setembro as 100.000 estadías de turismo internacional

24/10/2023 Turismo de Santiago participa na III Convención de Turespaña, co obxectivo de promocionar a cidade como un destino internacional de turismo consciente.

Os establecementos hoteleiros de Santiago de Compostela sumaron 105.678 estadías de turistas internacionais no pasado mes de setembro, cun crecemento do 15,1% respecto do mes de setembro do ano pasado, segundo os datos do INE. Este dato confirma a consolidación de Compostela como un destino internacional cun atractivo turístico que vai moito máis alá que a celebración dun Ano Santo e vai na liña do cambio do modelo turístico na cidade, apostando por un turismo de maior valor engadido.

O turismo internacional alcanzou o 59,4% do total das estadías que se rexistraron na cidade no pasado mes, superando amplamente ao turismo doméstico, que supuxo o 40,6%, con 72.248 estadías. A maior presenza de turismo internacional, que en xeral ten un gasto medio por persoa superior ao doméstico, axudou a que a tarifa media diaria subise en setembro ata os 100 euros, a cifra mensual máis alta dende o coronavirus.

Grazas aos datos de setembro, o turismo internacional superou xa claramente o medio millón de estadías no que vai de ano. En total, suma xa 597.553 ata setembro, un 20,3% máis que no mesmo período do Ano Santo 2022. Con esta cifra, o turismo internacional representa o 47,3% da demanda acumulada neste ano.

Tomando os datos de turistas domésticos e internacionais, os establecementos hoteleiros da cidade rexistraron ata setembro 1.262.594 estadías, un 6,5% máis que o ano pasado. Se continúa esta tendencia de crecemento grazas ao incremento do turismo internacional, sería a primeira vez que o ano posterior a un Ano Santo consigue superar as cifras do propio Ano Santo, amosando a fortaleza de Santiago como destino turístico e do seu atractivo internacional que vai máis alá do Xacobeo.

Precisamente co obxectivo de evolucionar o modelo turístico da cidade cara un modelo de turismo consciente que aposte máis polo valor engadido que polo número absoluto de turistas, Turismo de Santiago está participando na III Convención de Turespaña, que ten lugar en San Sebastián do 23 ao 25.

Este ano a Convención céntrase na "Transformación Sostible do Turismo", polo que, ademais de ser un evento onde promocionar a cidade entre os diferentes profesionais de Turespaña que promocionan os destinos estatais nos principais mercados para Compostela, tamén é un evento para coñecer de primeira man as principais medidas que se poden desenvolver para Transformar o modelo turístico da cidade, cun modelo máis consciente e sostible.

Compartir: