ALCALDÍA

A alcaldesa analiza novas oportunidades de financiamento europeo para Santiago co presidente da Comisión de Desenvolvemento Rexional e de Cohesión do Parlamento Europeo

25/09/2023 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, recibiu o presidente da Comisión de Desenvolvemento Rexional e de Cohesión do Parlamento Europeo, o eurodeputado francés Younous Omarjee.

Esta visita de estudo e traballo "representa unha oportunidade política de grande importancia para Santiago de Compostela", indicou a alcaldesa que lle trasladou ao representante desta institución europea propostas para a utilización efectiva dos fondos europeos, que inclúen a identificación de novas oportunidades de financiamento. Entre elas, destacou os problemas máis urxentes vinculados a servizos básicos do rural de Santiago de Compostela.

Ademais, o encontro serviu de plataforma para o diálogo e a cooperación entre o Concello de Santiago e a UE, fortalecendo lazos interinstitucionais que fomentarán unha maior colaboración en áreas de mutuo interese. No ámbito municipal, e tendo en conta a importancia dos fondos europeos, supuxo unha ocasión política estratéxica para a identificación de oportunidades de financiamento e no traslado das necesidades locais de cara ao futuro, de cara a procurar solucións conxuntas a medio e longo prazo que redunden nun impacto positivo no ámbito económico e social da cidade e do rural compostelán.

A reunión serviu para un reforzo das relacións interinstitucionais e da capacidade de influencia mediante o fortalecemento das relacións coa comisión do Parlamento encargada da política de cohesión e das relacións coas autoridades locais e tamén para facer unha avaliación do impacto das políticas públicas e facer seguimento do traballo lexislativo do Parlamento Europeo en materia de política local.

Analizaron tamén as oportunidades de financiamento de xestión directa desde o Concello, como as convocatorias a programas da Iniciativa Urbana Europea, URBACT, Horizonte Europa ou LIFE, mais alá dos proxectos que xa contan con fondos estruturais.

Compartir: