DEPORTES

Santiago acollerá a XXXVI edición da Copa Galicia Sénior Feminina de baloncesto esta fin de semana

25/09/2023 A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou en rolda de prensa a XXXVI edición da Copa Galicia Sénior Feminina que se celebrará no pavillón de Santa Isabel do venres 29 de setembro ao domingo 1 de outubro. Con ela estiveron Julio Bernárdez, presidente da Federación Galega de Baloncesto; Belia Méndez Rial, subdirectora xeral de Plan e programas da Secretaria Xeral para o Deporte; e Kiko Montero, en representación de Rosalía _ Fedesa. Tamén asistiron á presentación do evento o reitor da USC, Antonio López; Ubaldo Rueda, presidente do Baloncesto Rosalía; e Susana García Senra, vicepresidenta da Federación Galega de Baloncesto.

A edila de Deportes lembrou a "aposta do Concello polo deporte feminino cun evento de altura" ao que animou a asistir a toda a cidadanía compostelá. "Desexamos que sexa un éxito de asistencia", engadiu.

O presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernández, agradeceu tanto ao Concello como ao Rosalía a disposición e a colaboración e lembrou que o baloncesto foi unha disciplina "pioneira" na integración do deporte feminino.

As semifinais enfrontarán, por un lado, ao Durán Maquinaria Ensino contra o equipo campión da fase previa o venres 29 ás 18.00 horas; e polo outro, ao Celta Zorka Recalvi e Baxi Ferrol o mesmo venres ás 20.30 h. A final, retransmitida pola TVG, será o domingo 1 de outubro ás 12.00 horas.

Compartir: