SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL

O Concello de Santiago inicia unha segunda fase para a recollida selectiva na hostalaría

25/09/2023 O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, anunciou a posta en marcha da segunda fase de recollida selectiva de residuos para a hostalaría na cidade histórica, tras o encontro que mantivo cos representantes do sector. Nesta nova fase, que se encadra no proxecto Santiago Sostible, vai destinada a implicar a totalidade de locais na separación de residuos en orixe e no cumprimento dos horarios de depósito. Na rolda de prensa estiveron tamén Lois Lopes, de Hostalaría.gal; Martín Pais, da Asociación de Bares e Pubs e Discotecas de Santiago; e Ramón García Seara, da Asociación Hostelería Compostela.

Xesús Domínguez explicou que durante os meses de agosto e setembro realizouse un estudo de campo para analizar a situación real da recollida porta a porta da zona histórica. Entre outros datos, destacou que se recolleron 3 toneladas/mes de materia orgánica e 18 toneladas/mes de envases.

Á vista das conclusións deste estudo, o concelleiro anunciou que se decidiu de xeito consensuado coas asociacións de hostalaría iniciar unha segunda fase para informar, local a local, sobre a necesidade de incidir na separación da materia orgánica nos locais con cociña, na necesidade de cumprir os horarios de depósito para non deteriorar a imaxe da cidade, así como trasladar outras recomendacións como o uso de envases reutilizables e barrís.

Xesús Domínguez recordou que o Concello e Urbaser seguirán a facilitar os cubos que se lle adapten a cada local para adecuar a separación en orixe das cinco fraccións de residuos, mellorando especialmente o depósito da materia orgánica.
O concelleiro e os hostaleiros tamén valoraron positivamente a utilización das illas de quita e pon como solución para eliminar a presenza de bolsas de residuos espalladas por toda a contorna, aínda que concordaron na necesidade de falar con aqueles establecementos que aínda fan uso inapropiado para reducir a presenza de colectores na vía pública fóra dos horarios establecidos e mellorar a imaxe da cidade histórica.

Trátase dun reto importante para conseguir a redución de residuos, ademais da súa correcta separación, para o posterior tratamento e reciclado, co que se debe contar coa colaboración de toda a cidadanía, pois é responsabilidade colectiva.

Por parte do sector, Lois Lopes, de Hostelaría.gal manifestou que están "satisfeitos co servizo e co método elixidos para seguir avanzando na recollida selectiva e tamén co nivel de concienciación do sector, como demostra o dato de que o depositado de materia orgánica só teña un 1% de impropios". "Desde o sector organizado imos seguir facendo propostas para mellorar o servizo e conseguir o obxectivo de xerar menos residuos e separalos como marcan as directivas", engadiu.

Pola súa parte, Ramón García Seara, da Asociación Hostelería Compostela indicou que "é evidente que levamos moito atraso en Santiago de Compostela no sistema de recollida e de xestión de residuos, pois as normas vinculantes marcan unha serie de requisitos e de porcentaxes e aínda estamos lonxe de chegar a eles, por iso pretendemos darlle confianza ao Concello neste intento de adaptar e de facer de Santiago esa cidade que queremos e conseguir os obxectivos que marca a normativa, por iso é esencial que esteamos unidos para conseguilo".

Para Martín Pais, da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, "o sector da hostalaría quere ser un referente na recollida e na xestión de residuos para que impulsemos que o resto da poboación traballe nese mesmo sentido, para conseguir unha cidade limpa e que traballe a prol da separación dos residuos". Afirmou que desde que se iniciaron estas reunións, seguen a traballar "para que o sector se adapte para facer unha recollida adecuada para mellorar o servizo".

Compartir: