ALCALDÍA

O estudo encargado polo Concello cifra en 8,6 millóns o custo da capitalidade para Santiago

25/09/2023 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, deu conta en rolda de prensa do estudo encargado polo Concello para actualizar o que lle supón a Santiago ser a capital galega e que cifra os devanditos custos en 8.634.310,04 euros.

Indicou a rexedora que "o que recibimos actualmente é pouco menos de 2,4 millóns", 2.390.000 euros, "que é a cantidade máis baixa do estado español por este concepto". Sanmartín puxo de exemplo os 6 millóns de euros que recibe Pamplona, os 31 de Palma de Mallorca, os 10 de Vitoria-Gasteiz, os 13 de Logroño ou os 8 de Zaragoza.

"Entendemos que o custo da capitalidade en Compostela hai que actualizalo xa", salientou a rexedora que indicou que así llo trasladará ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na reunión do vindeiro luns. "Hoxe mesmo farémoslle chegar o cálculo", indicou Sanmartín.

A cuantificación focalízase na estimación dos custos de oportunidade do uso do solo como espazo físico para funcións administrativas, nas cargas de conxestión derivadas da intensidade de uso das infraestruturas viarias polo tránsito ligado ás funcións de capital, na identificación e cálculo dos custos derivados da prestación de servizos locais, do reforzo na prestación de servizos de limpeza, recollida de lixo, mantemento de parques, xardíns, patrimonio natural, espazos públicos, equipamentos culturais, deportivos, protección e seguridade cidadá, entre outros.

Deste xeito, o estudo cifra os custos de oportunidade en 284.589,45; os de conxestión en 713.231,97; os de seguridade en 5.739.901,28; os relativos ao uso e potenciación do idioma galego en 227.427,67; e os que teñen que ver con patrimonio, representación e turismo en 1.669.160,12. En total, 8.634.310,04.
Sanmartín indicou que non se reclamará que se actualice directamente de 2,3 a 8,6 millóns pero si "que se vaia corrixindo paulatinamente este desaxuste".

Estatuto da Capitalidade

A Lei 4/2002, de 25 de xuño, do estatuto da capitalidade da cidade de Santiago de Compostela recolle no artigo 28 que "a condición de capital de Galicia da cidade de Santiago de Compostela terá un apartado específico nos orzamentos da Comunidade Autónoma".

Para a consecución dos fins establecidos nesa Lei do Estatuto de capitalidade prevese a creación dun órgano estable de relación entre as administración autonómica e municipal, chamado Consello da Capitalidade, ao que se lle encomenda a coordinación das políticas entre as dúas administracións en relación co feito da capitalidade. Así mesmo, o estatuto establece unha previsión de financiamento específico nos orzamentos da Comunidade Autónoma, en atención á condición de Santiago como capital galega.

Compartir: