XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno dá luz verde a actuacións no rural por máis de 300.000 euros e concede a licenza para a rehabilitación do CEGADI

25/09/2023 A Xunta de Goberno local deu o visto bo á participación do Concello na segunda fase do POS da Deputación da Coruña, que suporá o investimento de máis 326.000 euros nas parroquias de Laraño, Bando e Enfesta. O executivo tamén aprobou os proxectos das obras de mellora da accesibilidade no cruzamento entre as rúas Xeneral Pardiñas e República do Salvador e de construción dun aparcadoiro na rúa Santa Comba, así como o inicio do expediente para a contratación das obras de reurbanización da rúa do Pombal. Así mesmo, concedeuse a licenza para a rehabilitación do CEGADI. De todos os asuntos deu conta en rolda de prensa a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

Sanmartín salientou a concesión da licenza para as obras de reforma do edificio do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI), sito na rúa Xosé Chao Rego, no parque de Salgueiriños, á Consellería de Política Social, segundo o proxecto rexistrado o 21 de xuño de 2023. As actuacións, que contan cun orzamento de execución material de 773.080,52 euros, consistirán en obras de redistribución, mellora e reparación de cubertas do edificio, sen alterar o volume edificado.

Obras

A Xunta de Goberno acordou participar na segunda fase do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) "POS+ ADICIONAL 2/2023" da Deputación Provincial da Coruña e solicitar a aplicación da achega provincial a tres actuacións: a construción dun parque infantil no espazo socioeducativo de Rial, no lugar de Reibó (parroquia de Laraño), cun orzamento de 124.999, 99 euros; a ampliación da rede de saneamento na rúa do Coto dos Olmos (parroquia de Bando), cunha achega de de 116.370,62 euros; e a ampliación da rede de abastecemento na estrada AC-250 no lugar de Frades (parroquia de Enfesta), por 85.460,27. En total, 326.830,88 euros, dos cales 266.199,40 corresponden á achega da Deputación, e 60.631,48, ao Concello.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto para a mellora da accesibilidade no cruzamento das rúas do Xeneral Pardiñas con República do Salvador cun orzamento de 66.230,11 €, IVE incluído, e un prazo de execución de 4 semanas. O obxecto do proxecto consiste na execución dunha plataforma central, en formigón, no cruzamento das dúas rúas. A plataforma terá a mesma cota que as beirarrúas, dando preferencia aos peóns. Tamén se executarán ramplas de acceso á calzada e mellorarase a accesibilidade.

Tamén se deu luz verde ao proxecto para a construción dun aparcadoiro na rúa de Santa Comba cun orzamento de 79.175,85 €, IVE incluído, e un prazo de execución previsto de 3 meses. Trátase da execución dunha zona de aparcadoiro de 227,50 m2 (18 prazas) e a remodelación da beirarrúa nunha superficie de 150 m2.

Así mesmo, aprobouse o inicio do expediente de contratación das obras de rehabilitación do firme, mellora da accesibilidade e seguridade peonil na rúa Camiño dos Vilares, tramo rúa Camiño dos Vilares – rúa Follas Novas, cun orzamento de licitación de 92.730,52 €, IVE incluído, e unha duración estimada de dous meses. A obra consiste na reposición do firme, mellora da seguridade viaria e da accesibilidade (pasos de peóns elevados e eliminación de barreiras) e disposición de sumidoiros e colectores.

Por outra banda, adxudicouse o contrato para a rehabilitación do colector de saneamento da avenida de Vilagarcía a SERVICIOS TÉCNICOS DE LIMPIEZAS INDUSTRIALES MIGUEL ARIAS SL, por un prezo de 57.281,40 €, IVE incluído, e 1 mes de prazo de execución. Levarase a cabo o illamento dos pozos de rexistro e a rehabilitación do colector para evitar filtracións da rede de saneamento.

Reurbanización da rúa do Pombal

O executivo local tamén aprobou o inicio do expediente para a contratación das obras de reurbanización da rúa do Pombal, en concreto do treito comprendido entre o cruzamento coa rúa Campiño da Ferradura e a intersección coa travesía do Cruceiro do Galo. As obras contan cun orzamento de 762.991,01 € e unha duración estimada de 8 meses.

Esta reurbanización suporá unha ampliación da beirarrúa próxima ás edificacións, a colocación de pasos peonís elevados para a redución da velocidade do tráfico rodado e a renovación e dotación de servizos urbanos: abastecemento de auga e rego, saneamento, alumeado público, gas natural e telecomunicacións.

Ciberseguridade

Xa fóra das obras, aprobouse o expediente denominado "contrato derivado do acordo marco de servizos de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais adxudicado pola AMTEGA", cun orzamento de licitación de 263.835,66 €, IVE incluído, e unha duración de 29 meses. Trátase de servizos de xestión do centro de operacións de seguridade (SOC) do concello para garantir a seguridade no uso e intercambio de información electrónica.

Felicitación pública

Por último, a alcaldesa deu conta do acordo de Xunta de Goberno polo que se concede felicitación pública aos dous policías locais, Daniel Hermida e Jorge Jamardo, que o pasado 31 de agosto levaron a cabo unha acción meritoria ao colaborar en manter con vida a un neno de menos de dous que sufrir a un atragoamento cun anaco de comida.

Compartir: