ALCALDÍA

O Concello rende homenaxe a Jorge Corbacho no primeiro aniversario do seu falecemento

30/08/2023 O Parque de Bombeiros acolleu esta mañá un acto en lembranza do bombeiro Jorge Corbacho Mauricio, falecido en acto de servizo o 30 de agosto do pasado ano. Durante a homenaxe, descubríronse unha placa conmemorativa e un retrato do mozo, realizado por Néstor Reinaldo. O acto contou coa presenza da familia de Jorge; da alcaldesa, Goretti Sanmartín; do concelleiro responsable do corpo dos bombeiros, Xan Duro; de representantes da Corporación Municipal; do persoal do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, da Policía Local e de Protección Civil de Santiago; e do exalcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

O Concello de Santiago realizou esta mañá un acto en lembranza do bombeiro Jorge Corbacho Mauricio no primeiro aniversario do seu falecemento en acto de servizo. O xefe de Bombeiros, Manuel Sanmartín, presentou a todas as persoas asistentes o retrato "en recordo e homenaxe" a Jorge Corbacho, realizado por Néstor Reinaldo, bombeiro de Vigo e muralista, que dende hoxe presidirá o Parque de Santiago. "Jorge xa forma parte de todos nós e queremos que forme parte tamén deste edificio que é a casa de todos os Bombeiros de Santiago", explicou.

A continuación, o pai de Jorge quixo agradecer ao Concello de Santiago a realización do acto e ao retrato dedicado ao seu fillo cunhas emotivas verbas e o concelleiro Xan Duro, puxo en valor a "vocación de servizo público" e "de protección á cidadanía" do bombeiro. "É así como queremos recordar a Jorge, como un membro deste equipo, que sempre estará presente neste parque", engadiu.

Tamén interviu a alcaldesa que destacou a "simpatía, bo humor, o sorriso e a responsabilidade" de Jorge Corbacho, características que se transmiten "a través do seu retrato". A rexedora leu a continuación un poema de Xosé Manuel Millán, que o autor e ex-alcalde de Moaña dedicara a un alumno falecido coa mesma idade de Jorge Corbacho, e dedicoullo á súa familia e aos seus compañeiros.

A familia de Jorge Corballo tamén descubriu unha placa na súa lembranza.

Compartir: