CAPITAL CULTURAL

Comezan as intervencións murais do V Delas Fest

30/08/2023 Entre o 30 de agosto e o 12 de setembro, as artistas Amaia Arrazola, Julieta XLF, Doa Oa e Eloise Gillow realizarán cadanseu mural na comarca de Santiago. Como novidade, o Festival de Arte Urbana Feminista e Contextual incluirá dous obradoiros de graffiti para familias en Santiago e Bertamiráns (Ames).

O 30 de agosto arrancan as intervencións murais do Delas Fest, Festival Feminista de Arte Urbana e Contextual. Durante 15 días, a comarca de Santiago encherase de cor a través dun cartel que, ano tras ano, reivindica a presenza das mulleres na arte urbana ao tempo que busca implicar á veciñanza no proceso creativo.

A primeira das artistas en pintar será a ilustradora e muralista vasca Amaia Arrazola. Do 30 de agosto ao 5 de setembro, poderase ver como traballa na Escola Infantil Os Ánxeles, en Brión. O espazo foi proposto pola propia equipa docente a través da convocatoria de Muros en Man Común, proposta do festival que aspira a crear un repositorio de muros mancomunados para a creación artística no marco do Delas Fest.

A seguinte en sumarse será a muralista valenciana Julieta Silla, coñecida como Julieta XLF, que estará pintando ata o 10 de setembro tamén nunha Escola Infantil, A Igrexa de Ortoño, Ames, nunha parede candidatada desta volta polas propias familias da escola.

O martes 5, a artista visual e muralista galega, Doa Oa, chega a Teo para intervir o Centro Comercial Os Tilos, onde estará pintando ata o 11 de setembro. Nesta ocasión, o espazo foi proposto pola propia veciñanza durante os encontros de anfitrioas, debido á necesidade de repensar de xeito colectivo o que é considerado enclave neurálxico da parroquia.

Finalmente, a artista visual e muralista británica Eloise Gillow chega a Santiago de Compostela o 6 de setembro. Traballará no seu mural ata o 12 de setembro na Rúa Porto de Conxo nº3, na fachada dunha vivenda unifamiliar.

Os respectivos días de chegada, as artistas manterán cadansúa nova reunión coas Anfitrioas dos concellos participante (Ames, Brión, Santiago e Teo) para amosarlles o bosquexo resultante tras as ideas compartidas durante os encontros de primavera. Hai que lembrar que un dos puntos fundamentais do Delas Fest é ese carácter contextual, que pide a colaboración da veciñanza que se implicará no proceso creativo das artistas e que se produce desde o comezo da organización do festival a través da convocatoria Anfitriónate!.

Obradoiros

Unha das novidades da presente edición é a proposta de obradoiros familiares que se celebrarán no denominado Familia Delas Fest, impartidos por FUNICULAR Arteducación en colaboración coa propia 7H Cooperativa Cultura e co apoio do programa Apego. Seguindo o carácter contextual e feminista do Delas Fest, quen participe terá que facer unha recopilación dos nomes familiares e así descubrir ata que póla xenealóxica son quen de chegar, cales son os nomes máis habituais ou os que máis lles chaman a atención. Descubriremos a procedencia dos nomes, cales son galegos? Que consideramos nomes en galego?

Despois trasladarán esa información ao graffiti. Usando sprai con base de auga sobre plantillas xeométricas construirán nomes dun xeito distinto e creativo. Como o risco de mancharse é grande, recoméndase o uso de roupa e calzados cómodos.
Será en dúas datas, o xoves 31 de agosto en Santiago de Compostela (no parque de Galeras) e o venres 1 de setembro en Bertamiráns (no pazo da Peregrina). Ambos comezarán ás cinco da tarde.

Para poder participar é necesario inscribirse, ben a través dun correo electrónico a 7hcoop@7hcoop.gal ou mediante un formulario que se atopa na páxina web.

Outras actividades

Co motivo da celebración da quinta edición do Delas Fest, durante todo o ano producíronse diversas actividades para reivindicar a presenza das mulleres no espazo público. Ademais das xuntanzas coas anfitroas, no mes de abril proxectouse na Casa da Cultura do Milladoiro un dos capítulo da serie documental Museo a Ceo Aberto, dirixido por Marián Fernández, da cooperativa O Cable Inglés, que estivo presente nun coloquio posterior ao seu visionado. E durante o mes de maio realizáronse dous Roteiros de descuberta da Arte Urbana Feminista, o día 8 en en Brión e o 27 en Compostela.

Tras as intervencións de setembro, pecharase o festival cun coloquio ao redor do libro Cando elas toman os muros. Feminismo e arte urbana en Galicia, nunha pequena festa de peche aínda por anunciar.

O cartel deste 2023, foi creado pola ilustradora María Montes quen continúa a labor iniciada na edición anterior pola tamén ilustradora Maru Astray. Un xeito de pór en valor o traballo das artistas desde a cartelería ás intervencións, destacando a riqueza de estilos e formatos que ten a arte urbana feita por mulleres.

O proxecto, organizado por 7H Cooperativa Cultural desde o ano 2019, celebra na comarca de Compostela una nova edición coa reivindicación da igualdade, a democratización da expresión artística no espazo público e o apego ao territorio como sinais de identidade. Cita de referencia de arte urbana no circuito estatal, este ano o programa é posible grazas aos concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión, á liña de subvencións da Deputación da Coruña e ao patrocinio de Montana Colors, Ibersa-El Mundo del Pintor, Gadis e LoxamHune, así como á colaboración de Cafés Candelas e Daveiga-Galletas Mariñeiras.

Compartir: