SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL

#EuCompost_ela organiza un novo Laboratorio de Economía Circular para a cativada

25/08/2023 O Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia poñen en marcha a segunda edición dos Laboratorios de Economía Circular, cuxo obxectivo é concienciar a cativada e adultos sobre hábitos de consumo responsables e solidarios co medio ambiente. As actividades desenvolveranse entre o luns 4 e o xoves 7 de setembro en horario de tarde e son completamente de balde.

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en colaboración co Concello de Santiago continúan a desenvolver actuacións no marco do proxecto EuCompost_Ela (eucompostela.gal, nesta ocasión dirixidas aos máis pequenos da casa.

Os laboratorios establécense como punto de encontro para aprender sobre economía circular a través da experimentación e a creación in situ. As persoas participantes atoparán un total de 7 estacións e, en cada unha delas, aprenderán a alongar a vida útil de diferentes obxectos e refugallos previamente seleccionados. Deste xeito abordarase que se pode facer con restos de comida, pousos de café, cartón, plásticos, botellas, envases, revistas e xornais, e plantexar novas ideas.

A Unión de Consumidores de Galicia pon en marcha catro novas edicións dos Laboratorios, que se suman ás desenvolvidas no mes de xullo e que entre o luns 4 e o xoves 7 de setembro, terán lugar nas seguintes ubicacións:

- 4 de setembro, diante do acceso principal ao centro comercial As Cancelas.
- 5 de setembro no parque infantil da Alameda.
- 6 de setembro na praza Roxa.
- 7 de setembro en Santa Marta - Conxo.

Cada unha das edicións desenvolverase en dúas sesións, en horario de 17.00 e de 19.00 horas.

A participación é completamente de balde e o acceso é libre, con posibilidade de inscrición previa na web da Unión de Consumidores de Galicia.

Compartir: