DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

O Concello e a USC renovan o convenio para o programa de atención bucodental a persoas en risco de exclusión social

14/08/2023 Fomentar a adquisición de hábitos preventivos de hixiene oral, identificar e tratar as principais patoloxías para preservar e restaurar as pezas dentais, así como rehabilitar as ausencias dentarias son parte dos obxectivos do acordo.

Garantir o dereito á saúde no eido bucodental daquelas prestacións non cubertas pola Seguridade Social entre persoas de risco de exclusión social é un dos fundamentos do convenio de colaboración renovado polo Concello de Santiago e a USC. Nel participarán persoal docente das materias clínicas do grao en Odontoloxía e estudantado de 3º, 4º e 5º curso de materias clínicas.

O programa diríxese a persoas con idades entre 5 e 80 anos en risco de exclusión social, segundo os criterios establecidos na Ordenanza de Garantía Básica Cidadá do Concello de Santiago, que presenten unha situación odontolóxica abordable dentro dos obxectivos da iniciativa. Unha das prioridades do acordo é desenvolver un labor de educación sobre saúde bucodental coas persoas beneficiarias, identificando actitudes de risco e instaurando medidas preventivas. Ademais, o programa permitirá executar tratamentos en pezas dentais susceptibles de poder ser conservadas mediante técnicas odontolóxicas básicas, así como restaurar dentes perdidos con próteses removibles. No que vai de 2023, a iniciativa atendeu 283 visitas que implicaron o tratamento de 64 pacientes. No mes de setembro retomarase a atención ao público.

Malia que o Sistema Nacional de Saúde, de carácter universal, inclúe a odontoloxía na súa carteira de servizos, a cobertura habitual limítase fundamentalmente á extracción dental. Neste senso, a USC ten en Odontoloxía o único centro público de Galicia onde se fan tratamentos bucodentais integrais. Ademais, unha boa parte da súa actividade clínica está orientada a colectivos con dificultades de acceso aos coidados odontolóxicos. Nesta liña, ten desenvolvido programas asistenciais para persoas con discapacidade severa sometidos a tratamentos de quimioterapia ou persoas menores tuteladas, entre outros servizos.

Como se recolle no documento que regula o acordo, a boa saúde dental mellora a capacidade de comer ou falar, a autoestima e as relacións sociais, favorecendo a integración e a inserción social e laboral. O Concello e a USC, en consonancia coa filosofía da diversidade, da igualdade social e da integración, pretenden dar estabilidade á colaboración que se vén desenvolvendo entre ambas institucións neste eido, conscientes de que a resolución de determinados problemas sociais require da implicación de distintos colectivos e institucións.

Compartir: