ALCALDÍA

Xuntanza do goberno coa asociación Hostalaria.gal

11/08/2023 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada pola concelleira de Promoción Económica e Comercio, María Rozas, e pola concelleira de Promoción da Cidade e Turismo, Míriam Louzao, mantivo unha xuntanza cos representantes da asociación Hostalaria.gal Lois Lópes, Sergio Fernández e Julio Nogueruela.

O obxectivo da xuntanza era o de tratar temas de relevancia no ámbito da hostalaría de cara a estudar propostas de traballo conxunto para os vindeiros meses. A axenda de temas deste encontro incluía cuestións como a necesidade de elaborar un novo Plan Estratéxico de Turismo, toda vez que o anterior está xa rematado, unha serie de propostas de actividades enfocadas á dinamización económica e cultural, e o estudo de posibles vías de apoio ao sector. Os representantes de Hostalaria.gal tamén aproveitaron o encontro para facer unha valoración da proposta de taxa turística e o retorno en campañas de desestacionalización, e demandaron a activación do Consello Municipal de Turismo.

Esta reunión con Hostalaria.gal é a primeira dunha serie de xuntanzas coas asociacións do sector que ten previsto manter o goberno nas vindeiras semanas, despois das xa mantidas co sector no seu conxunto o mes pasado no marco do lanzamento do Código de Boas Prácticas e a campaña de concienciación "Fráxil. Santiago de Compostela. Patrimonio da Humanidade".

Compartir: