DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

María Rozas asina o convenio de colaboración con Cruz Vermella para o programa de teleasistencia e a atención a persoas sen fogar

03/08/2023 María Rozas vén de reunirse co presidente da Cruz Vermella en Santiago, José Luis Barreiro, e coa súa coordinadora, Leonor Silva, para falar das liñas de colaboración que a concellería de Dereitos e Servizos Sociais mantén abertas coa entidade. No transcurso da xuntanza quedou asinado o convenio de colaboración polo que o Concello lle fai á Cruz Vermella unha achega de 85.000 euros.

María Rozas e os representantes de Cruz Vermella avaliaron o traballo que desenvolven o Concello e a entidade de maneira coordinada, en especial no que ten que ver coa atención ás persoas sen fogar. A concelleira aproveitou o encontro para explicarlles a José Luis Barreiro e a Leonor Silva a intención do Goberno de recuperar a concepción orixinal do Centro de Inclusión Social de Belvís, para que poida ter tamén uso habitacional por parte da poboación máis vulnerable.

Convenio de colaboración

O convenio asinado pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais e o presidente de Cruz Vermella ten unha dotación de 85.000 euros, destinados ao financiamento de dúas liñas de actuación: o proxecto de teleasistencia domiciliaria e o programa de atención ás persoas sen fogar.

O proxecto de Teleasistencia domiciliaria ten como obxectivo facilitar a permanencia nos seus fogares de persoas maiores en situación de desprotección e/ou discapacidade, reforzando a súa autonomía e seguridade grazas a dispositivos que conectan as usuarias con persoal profesional as 24 horas e os 365 días do ano, facilitando unha resposta e intervención inmediata ante calquera necesidade. O servizo é de carácter gratuíto e conta cus 60 usuarios e usuarias anuais.

En canto ao programa de atención a persoas sen fogar, permite contar cun equipo especializado de intervención de rúa, que fai un seguimento continuo da súa situación e xera con elas un espazo de confianza. No marco deste proxecto, tamén se procuran aloxamentos temporais de emerxencia en pensións e outros recursos habitacionais da cidade; e realízase acompañamento das persoas usuarias a citas médicas, coa administración ou xestión de documentación, así como labor de mediación.

Ademais, o Concello de Santiago mantén outro convenio de colaboración con Cruz Vermella para o financiamento do SEMUS, o Servizo Municipal de Urxencias Sociais, que conta cunha dotación de 100.000 euros procedentes de fondos provinciais da Deputación da Coruña.

Compartir: