ALCALDÍA

O Goberno municipal reúnese coa Demarcación de Estradas para analizar o proxecto do Orbitaliño

02/08/2023 Goretti Sanmartín, acompañada polos concelleiros de Mobilidade e de Urbanismo, Xan Duro e Iago Lestegás, mantivo onte unha xuntanza coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia para tratar varios dos asuntos que preocupan e competen ás dúas administracións.

O proxecto da obra que enlazará a estrada N-550 e o Orbital de Santiago, coñecido como Orbitaliño, foi o tema que centrou o encontro, logo de que o pasado 26 de xullo se publicase a aprobación do trazado estrutural desta infraestrutura por parte do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana.

Sobre este proxecto, a alcaldesa trasladoulle a Ángel González del Río, xefe da Demarcación de Estradas, a súa preocupación polo impacto que o trazado supón para a contorna pola que transcorre, tal e como xa se recollera tanto nas alegacións que presentara no seu momento o Concello de Santiago como a veciñanza a través da Asociación Veciñal Ponte Sionlla.

As devanditas alegacións tiñan como obxecto fundamental minimizar o impacto do trazado sobre o territorio, procurando unha mellor integración paisaxística, a correcta permeabilidade das escorrentías e dos servizos e a convivencia cos usos existentes e previstos para un e outro lado, tanto poboacionais como industriais.

A resolución da Demarcación de Estradas mantén no fundamental o trazado inicialmente previsto, sobre o que incorpora algúns dos cambios solicitados para garantir a permeabilidade entre as dúas marxes da infraestrutura.

A falta de analizar o detalle do informe sobre as alegacións, que a Demarcación de Estradas do Estado se comprometeu onte a enviar, na xuntanza tratáronse algúns elementos de mellora sobre o trazado estrutural para introducir no trazado construtivo. Estas propostas gardan relación coa mellora da calidade da obra e con elementos de humanización e a permeabilidade entre as dúas marxes. Entre outras cuestións, falouse da posibilidade de substituír as pantallas antirruído, inicialmente previstas de formigón, por outras dun material máis livián e traslúcido, menos agresivo visualmente; de incluír pasos de peóns ao nivel da estrada, nas glorietas, e dotalas dun deseño máis diáfano; de introducir beirarrúas na glorieta situada na parroquia de Formarís; e prever a plantación de máis árbores e máis masa vexetal no trazado.

Ademais do proxecto do Orbitaliño, desde a Demarcación de Estradas informaron sobre a previsión de rematar as obras do Orbital en prazo, a finais de ano, mentres que por parte do Concello se trasladou a necesidade de mellorar a sinalización do radar situado nas inmediacións da rotonda de Conxo, proposta que foi recollida por Ángel González del Río. Por último, o equipo de goberno municipal tamén propuxo o estudo de novas fórmulas para o calmado do tráfico no tramo viario que conforman a avenida de Lugo e o enlace coa SC-20.

Compartir: